A seguridade dos ciclistas depende da educación vial

A seguridade dos ciclistas depende da educación vial
07 de Decembro, 2020 - 12:38 h. | Publicada por Radio Fene

Educación e seguridade son as palabras que máis usa o deportista Pedro Ausín do Club Ciclista Ferrol cando fala do seu deporte. Este colectivo adoita ser noticia polos accidentes que sofren. En moitos casos os sinistros prodúcense polo descoñecemento dos condutores. O ciclismo é un deporte en auxe nestes tempos de coronavirus. É unha práctica segura, e no club ciclista notaron un aumento no número de asociados. É necesaria algunha documentación para poder sair por exemplo de Ferrol. Na actualidade 70 persoas forman parte da entidade.

ESCOITA O PODCAST:
Pedro Ausín. Club Ciclista Ferrol.

A falta de educación é un problema que, dende o Club Ciclista Ferrol, queren visibilizar. Eles comparten as estradas con vehículos a motor pero van moito máis desprotexidos que, por exemplo, quen conduce un coche. Por iso consideran que inculcar o respecto nas estradas dende as escolas é algo esencial.

Poñen de exemplo ao Concello de Narón que xa leva uns anos traballando para que a rapazada poida entender mellor como debería ser a circulación e como deben actuar tanto como condutores ou como ciclistas.

Para Ausín hai un problema social que non se está abordando xa que hai xente que non está capacitada para conducir. Aínda así fala deste colectivo de forma circunstancial xa que o accidente pode ser cun autobús, por exemplo, e levar por diante a vida de moitas persoas. O ciclista recalca a importancia da educación vial e da protección legal. Ter un accidente cun ciclista, ata hai moi pouco, saía “moi barato”.

Pouco a pouco estas medidas están a cambiar mais aínda queda moito por rodar. Cuestións como que eles só poden circular pola beiravía pero en moitas estradas non hai esta posibilidade ou o risco que sofren se os adiantan de forma indebida. Só piden dúas cousas: educación e seguridade.

Deportes

Publica o teu comentario agora