Selfies polo galego

Selfies polo galego

30 de Abril, 2014 - 12:00 h. | Publicada por

Grávate unha selfie, dicindo: Por mín, o galego terá mil primaveras máis. Esa é a proposta que realiza a plataforma Prolingua, diante da próxima conmemoración do 17 de maio, Dia das Letras Galegas. Cos videos recibidos, a entidade realizará unha montaxe colectiva.

Como unha forma de reivindicación, e aproveitando o 35 aniversario da frase de Álvaro Cunqueiro, Prolingua vén de lanzar unha iniciativa para que todas as persoas que así o desexen graven uns breves vídeos de si mesmos, ou videoselfies, no que aparezan dicindo a frase "Por min o galego terá mil primaveras máis".

 

A entidade chama ao "compromiso individual" de todos os e as falantes e subliña que "somos conscientes de que unha lingua só ten sentido se a falamos, porque só así garantimos o seu futuro. Por iso sementamos vida cando a empregamos, cando soñamos nela, cando bailamos ao seu son, cando nos indignamos coa forza que ela nos dá, cando a eliximos para transmitírllela ás novas xeracións, cando a protexemos dos que non nos entenden, cando codificamos o mundo a través dela... cando ti decides que é a túa lingua".

Vídeo conxunto

Os vídeos pódense gravar co móbil e deben ser enviados a Prolingua, ao enderezo prolinguagalega@gmail.com antes do 23 de maio, con indicación do nome e a profesión do remitente. Prolingua sinala igualmente que tamén se pode facer o vídeoselfie en grupo, co lema "Por nós o galego terá mil primaveras máis". Con todos os fragmentos recibidos, comporase "antes de rematar a primavera" un vídeo conxunto no que "cada compromiso individual dea vida a un compromiso colectivo". "Sumaremos forzas e ampliaremos a rede de afectos ao redor do idioma para seguir sentindo que a Patria da Lingua Galega terá mil primaveras máis", conclúen.

Sociedade