Semana da Ciencia en Ordes

Semana da Ciencia en Ordes

05 de Novembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O departamento de Matemáticas do IES Nº 1 de Ordes promove a celebración da Semana da Ciencia entre o 15 e o 19 de novembro cunha serie de charlas e actividades para os distintos cursos de bacharelato e ESO. O programa inclúe xogos, exposicións, obradoiros, proxeccións e charlas con importantes representantes do mundo das ciencias e a educación, tentando ademais que os conferenciantes sexan entrevistados por alumnos e alumnas do centro.

Por outra banda o IES Nº 1 de Ordes  tamén acolleu estes días pasados unhas actividades de celebración da chegada do outono. O pasado 3 de novembro, festexaron un magosto no instituto durante o recreo. Alumnos/as, docentes e o resto do persoal do centro puideron degustar castañas asadas e cocidas, ademais de chocolate quente e outros froitos propios desta estación (noces, abelás, mazás...).
 
Neste marco, o xoves desenvolveuse a Xornada Micolóxica cunha charla sobre Iniciación á micoloxía e unha posterior saída ao monte para a recolleita de cogomelos. Esta actividade foi dirixida por Manuel Recouso e deseñada para os alumnos/-as de 2º ESO dende o Equipo de Dinamización da Lingua Galega. Por último e en relación coa exaltación do outono, tamén se pediu á comunidade educativa que achegase cadros, debuxos e textos alusivos a esta época do ano.

O vindeiro xoves, 11 de novembro, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega tamén organiza unha xornada con Emilio Cao sobre a súa relación con Uxío Novoneira que deu en titular Do Courel a Compostela. Conversas con Emilio Cao sobre Uxío Novoneira.

Sociedade