Sempre Xonxa, Continental e Urxa

A Deputación da Coruña e A Cuarta Parede conmemoran o 30 aniversario da estrea de tres filmes que son un fito no cine galego
12 de Setembro, 2019 - 10:41 h. | Publicada por Radio Fene

Conmemorar o trinta aniversario de tres películas claves na historia cultural galega a través a nova creación é o obxectivo de "Cinegalicia 2019", unha iniciativa promovida pola Deputación da Coruña xunto coa revista A Cuarta Parede. Música, audiovisual, literatura ou artes plásticas dialogarán con Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, Continental, de Xavier Villaverde e Urxa de Alfredo G. Pinal e Carlos López Piñeiro cando se cumpren tres décadas dun fito que marcou a historia do cine galego.

En 1989, o evento Cinegalicia acolleu a estrea de Sempre Xonxa, Continental e Urxa, tres longametraxes de ficción que representaban, dalgún xeito, o momento inaugural da industria cinematográfica galega. Trinta anos despois, a Deputación da Coruña xunto coa revista especializada A Cuarta Parede presentan o proxecto Cinegalicia 2019, no que novas voces do cinema, a música, a crítica e as artes gráficas revisarán aqueles filmes en obras creadas para a ocasión. A vontade de Cinegalicia 2019 é aproveitar a efeméride para poñer en valor os enfoques artísticos e vitais de creadoras galegas nacidas daquel ano en diante e facer dialogar o cinema con outras disciplinas. Os traballos presentaranse publicamente no mes de decembro. Verán a luz carteis, críticas, composicións musicais e pezas cinematográficas que retoman as películas dirixidas por Chano Piñeiro, Xavier Villaverde, Alfredo G. Pinal e Carlos López Piñeiro.

Dende o ámbito cinematográfico, participan en Cinegalicia 2019 Adrián Canoura(premiado en Filmadrid ou o Festival de Cans por obras de etnografía experimental como Caerán lóstregos do ceo,Lara e Noa Castro videoartistas que teñen participado en festivais como (S8) ou Crater-Lab) e Iria Silvosa(realizadora e montadora en filmes como A estación violenta, de Anxos Fazáns).

A parte musical de Cinegalicia 2019 correrá a cargo da vocalista e multiinstrumentista Elba Souto (que vén de debutar en solitario co single de pop electrónico “Hurt”), a banda Oh Ayatollah(un dos expoñentes máis significativos do pop en galego recente) e Charles Rapante (produtor e compositor membro de bandas como Contenedor de Mierda ou Os Vacalouras), que contará coa colaboración da cineasta e música Anxos Fazáns.

No seu carácter interdisciplinar, as creacións do proxecto de A Cuarta Parede recollerán tamén figuras das artes gráficas galegas da actualidade, que elaborarán novos carteis para Sempre Xonxa, Continental e Urxa. Neste caso as participantes, vinculadas tamén ao mundo da autoedición serán Julia Huete (artista que traballa a abstracción dende o collage, a costura ou o debuxo), Montse Piñeiro (que combina a súa formación de escenógrafa coa ilustración, a fotografía e a escultura) e Pepa Prieto Puy (deseñadora e autora de banda deseñada que ten publicado no New Yorker), ademais de Roberta Vázquez, ilustradora e autora tamén de cómic (con traballos para El Jueves, Mongolia, El País ou VICE) que se encarga da imaxe do evento.

Ademais de revisar os filmes dende a creación de novas obras artísticas, Cinegalicia 2019 recolle tamén o labor de A Cuarta Parede como revista cinematográfica en lingua galega para promover novas análises daquelas películas. Deste xeito, o proxecto tamén incluirá cinco textos críticos, realizados por Jesús Silva(editor de A Cuarta Parede e colaborador en medios internacionais como Cineuropa ou FRED Film Radio), Anxo F. Couceiro (xornalista especializado en cultura, tendencias e crónica social publicado en El País, Pronto ou Lecturas), Clara Coira (participante do colectivo ‘A outra mirada: cinema e muller’, crítica e cineasta), Laura Ramos (xornalista e poeta autora do libro A situación actual) e Sara Donoso (doutora en Historia da Arte, crítica e xestora cultural). As pezas de Cinegalicia 2019 estarán dispoñibles na web de A Cuarta Parede en decembro deste ano, e presentaranse publicamente nun encontro nese mesmo mes. A coordinación do proxecto corre a cargo de Brais Romero (director de A Cuarta Parede e programador de cinema) e Cibrán Tenreiro (xornalista, músico e profesor de Ciencias da Comunicación), e colaboran tamén na iniciativa a ilustradora e deseñadora Camila Viéitez e o cineasta Andrés Sanjurjo.

Cultura

Publica o teu comentario agora