Sendeirismo e contacto coa natureza

Sendeirismo e contacto coa natureza
05 de Outubro, 2020 - 01:01 h. | Publicada por Radio Fene

A xente quere andar, descubrir a paisaxe e o patrimonio devagar gozando do aire libre e sen aglomeracións. É o que manda a nova situación, que provocou un cambio de tendencia no turismo e na maneira en que desfrutamos do tempo libre. Buscamos sitios próximos que se cadra non coñeciamos, lugares preto da casa para descubrir ou saber deles con máis detalle, espazos en contacto coa natureza que nos garantan certa seguridade en tempos de pandemia. Esa é a razón de que a Concellaría de Cultura decidise reconverter as tradicionais andainas parroquiais de finais da primavera nun programa que nos levará os últimos domingos de mes por algúns dos recunchos máis ricos do noso territorio. A primeira cita será o domingo 25 de outubro cun paseo por Bardaos que rematará no Couto Agudo. Só hai 25 prazas dispoñibles que se cubrirán por orde de solicitude -con preferencia para a veciñanza empadroada- chamando ao  616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.

Faro de Bardaos

O programa xunta nunha mesma proposta o sendeirismo cunha ruta ambiental e patrimonial, a imaxe e semellanza do itinerario que se desenvolveu hai tan só uns días por Naraío. Daquela arrimóuselle ao paseo polas beiras do Castro un contido etnográfico e natural, centrado na explicación dos elementos da arquitectura civil e relixiosa e nun repaso das especies de ribeira que aínda quedan na zona. Incluso se comentou o interese xeolóxico do percorrido, como parte do Proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal.

A cita de Bardaos -a primeira dunha serie mensual por todas as parroquias- terá un cometido similar. Como guía da ruta teremos a Carlos Cobelo, bo coñecedor do seu territorio e tamén da súa historia e paisaxe. A andaina sairá sobre as 9.30h. da área recreativa e emprenderá camiño con destino ao Couto Agudo, punto máis elevado do norte de San Sadurniño e sitio desde o que se divisa boa parte do norte da provincia.

Alí farase unha pequena parada de avituallamento e as persoas participantes na ruta tamén se achegarán a un peculiar amoreamento de rochas que podería estar relacionado co megalitismo galego, tal e como suxiren o propio Cobelo e Bieito Beceiro nun vídeo dispoñible en Fálame de San Sadurniño gravado hai cinco anos. Sustentan a teoría en que os rochedos teñen unha forma que recorda unha construción humana e no feito de que se encontran preto do cume do Couto Agudo e perfectamente aliñados co Pico de Ferreira e o Castro de Bardaos, que si están verificados como restos arqueolóxicos.

Como queira que sexa, a mañá do domingo 25 de outubro promete ser ben entretida, tanto polo percorrido como polo guía do itinerario. A maior parte do camiño discorre por pistas forestais e sen demasiado desnivel, salvo o último tramo que desemboca no curuto do monte, ao pé da caseta de vixilancia forestal.

Entre a ida e a volta serán arredor de 10 quilómetros, razón pola que é aconsellable levar calzado cómodo que non sexa de estrea e que agarre ben, calcetíns que non cozan os pés e, se o tempo ameaza con auga, tamén chuvasqueiro transpirable. Recoméndase, ademais, levar unha botella de auga para hidratarnos durante o camiño.

As inscricións para participar na ruta están xa abertas. Hai que contactar co  616 332 919 -en horario de mañá- ou mandar un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal antes do 22 de outubro. Só hai 25 prazas dispoñibles que se irán cubrindo por orde de solicitude. Terán prioridade as veciñas e veciños empadroados no concello. Cómpre ter en conta, por último, que a idade mínima de participación son 7 anos.

A Concellaría de Cultura, promotora destes itinerarios ambientais e culturais, informará das seguintes rutas a través das redes sociais e do Novas. Haberá unha cada último domingo de mes, sempre nunha parroquia distinta e, en todo caso, guiada por algún veciño ou veciña ou por persoas que poidan achegar información sobre todo aquilo interesante se vaia vendo a cada paso.

Sociedade

Publica o teu comentario agora