A serenidade dos residentes é unha lección para nós

A serenidade dos residentes é unha lección para nós
28 de Abril, 2020 - 10:37 h. | Publicada por Radio Fene

Falamos con Paulo Naseiro, director da Residencia de Maiores Domus Vi de Laraxe, de como xestionan a crise sanitaria nun centro que, por sorte, a día de hoxe está libre de contaxios.

ESCOITA O PODCAST:

Con todas as cautelas, están ben, libres da enfermidade, tanto residentes como o persoal da residencia de Laraxe (Cabanas) xestionada por Domus Vi. “Non é garantía de nada, afirma o seu director, pero a día de hoxe todas as probas foron negativas”. Cóntanos Paulo Naseiro que eles empezaron a tomar medidas dúas semanas antes de decretarse a alerta sanitaria porque sabían que eran moi vulnerables. Empezaron un plan de continxencia nos tres centros xestionados por Domus Vi na comarca (Ferrol, Narón e Cabanas). Consistiu en medidas de hixiene, restrinxir as visitas e reservar unha sala exclusiva para ese fin, solución hidroalcohólica na entrada e empezar a buscar Equipos de Protección Individual para protexer ao persoal.

Desde o día 13 de marzo no que se proclamou a alarma sanitaria, na residencia de Laraxe (Cabanas) xa se suspenderon as visitas de familiares, desdobrouse o comedor, separáronse por grupos pechados aos residentes e decidiuse que o persoal non fose intercambiable dunha zona a outra. Neste punto, Paulo Naseiro, quere felicitar a profesionalidade do seu plantel e a súa colaboración excepcional nesta crise. A residencia de Laraxe é de propiedade pública pero de xestión privada. Esta crise pillouna co 95% de ocupación (unhas 160 persoas residentes) e o reforzo en persoal procedente dos centros de día, ata as 98 persoas.

Declarou Paulo Naseiro que “os residentes dérono un exemplo magnífico de serenidade”. As familias loxicamente están moi preocupadas pero tratan de paliar esa angustia cunha comunicación fluída, de xeito que a diario pásanlles un informe da situación xeral e, a nivel individual, manteñen contacto telefónico, con videochamadas, ou por correo electrónico. “Iso mitiga a preocupación” afirma Naseiro, quen deixou claro que van ter que vivir dun xeito excepcional durante moito tempo, quizás todo este ano.

 

(Ó persoal na porta principal da residencia de Laraxe)

Sociedade

Publica o teu comentario agora