Setestrelo presenta "O Camiño"

“O Camiño” represéntase o venres 11 de outubro ás 20:30h no Pazo da Cultura de Narón.
11 de Outubro, 2019 - 10:31 h. | Publicada por Radio Fene

As músicas de O Camiño vannos guiando a Compostela, lugar da apoteose final.

ESCOITA O PODCAST:

O espectáculo “O Camiño” que creou a sección Setestrelo da Banda Airiños de Fene chega hoxe venres ao Pazo da Cultura de Narón. Estreouse na Praza Ramón Souto de Fene no pasado mes de xullo e esta vai ser a segunda posta en escea. Con pequenos arreglos técnicos, polo tanto rozando a perfección chega agora ao auditorio máis grande da comarca. O presidente da Banda Airiños de Fene, Valentín Garcia Modrón (na imaxe) declara orgulloso que "O Camiño" gustou moito á xente que o veu en Fene con motivo do Ciclo do Dia de Galicia. “Á xente pareceulle curto, quería máis, así que iso é un bo sinal”.

Maís de 2000 fotografías reuniron para o espectáculo. Unha selección desas imaxes proxectanse no escenario e levannos polos diferentes camiños a Compostela. Igual que os actores- pelegríns, dirixidos por Flor Maceiras, que nos guían polas rutas do inglés, o francés ou o camiño portugués. E no medio de todo, inundándoo todo, está a música, pezas dos lugares por onde pasa o camiño e pezas de nova creación para interpretar, cantar e bailar.

Mover o espectáculo custa o seu, afirma o presidente da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene, Valentín García. Son luces, proxectores, megafonía, xente... por iso Setestrelo ten vocación de aproveitar ao máximo as oportunidades que se abren diante do próximo Xacobeo. En Narón haberá convidados das diferentes administracións para que comproben a calidade do espectáculo. Igual que se di que todos os camiños levan a Roma, aquí todos levan a Compostela.

A Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene prepara xa unha nova edición, a 31 Xuntanza de Gaiteiros, que se celebrará o dia 2 de novembro no salón de actos da Sociedade Agarimo de Sillobre. Este ano será especial e o grupo homenaxeado será La Musgaña, por primeira vez un grupo non galego. Ademais subirán ese dia ao escenario Encrucillada e as diferentes seccións de Airiños de Fene.

Cultura

Publica o teu comentario agora