Shanghai a Barcelona

Club de lectura con Amador Castro Moure, premio Xerais de novela 2019
24 de Setembro, 2020 - 08:00 h. | Publicada por Radio Fene

"Entre tanta desgraza había que poñer algo en contraposición e algunha esperanza, recompoñer toda esa desfeita" defende o autor durante a conversa.

ESCOITA O PODCAST:

“Shanghai a Barcelona” é o tren nocturno entre Galicia e Cataluña que xa non existe, como non existe a mesma Galicia á que volve Orlando, o paraíso que será a súa redención. Con “Shanghai a Barcelona” fíxose Amador Castro Moure co premio Xerais de Novela de 2019. Desta obra falan co autor, no club de lectura de Radio Fene, Henrique Sanfiz, Esther Val e Maite Rodríguez.

Preguntas e respostas para desentrañar unha obra formalmente complexa, cun orixinal emprego das voces narrativas. “Foi complicado utilizar tres voces a un tempo, pero non quedou mal” explica o autor. A primeira ven ser a conciencia cósmica do propio protagonista. A segunda é a sombra do pasado racional e a terceira, o relato do propio Orlando, a evolución da súa personalidade cara ao seu posmodernismo. Poñer as tres voces á vez sería complicado para os lectores, daí a utilización do flashback. “Pódese ler en orde distinta e ten o mesmo significado, agás o último capítulo” afirma Castro Moure.

De fondo está o drama da emigración, o desarraigo, a volta a un lugar baleiro no que se sigue facendo o mesmo de antano pero sen sentido de comunidade. “Non se pode fuxir do pasado, sempre está aí. Podemos agochalo pero non desprendernos del. Incide na túa maneira de actuar”. Orlando representa unha mocidade posmoderna, doente de moitas enfermidades e marcada polas drogas. “Pero hai misericordia para el ao final da súa vida, no amor e en morrer como el quería”, sentencia Castro Moure.

Cultura

Publica o teu comentario agora