Sobre o neno de Ferrolvello

Sobre o neno de Ferrolvello
14 de Maio, 2020 - 12:43 h. | Publicada por Radio Fene

A biografía sobre Ricardo Carvalho Calero de Héctor Cajaraville, obxecto de análise no Club de lectura de Radio Fene esta semana, en vísperas das Letras Galegas.

ESCOITA O PODCAST:

Héctor Cajaraville é o autor de “Ricardo Carvalho Calero. A pegada do compromiso” unha biografía do profesor ferrolán editada nas vísperas do Dia das Letras Galegas de 2020. Ten de especial que no libro se inclúen sete pezas teatrais do autor da biografía sobre momentos concretos da vida do homenaxeado. Xa fixera algo similar Cajaraville no 2019 coa biografía de Antonio Fraguas á que engadira unha especie de diario. Nesta ocasión, este extra en forma de pezas teatrais quere significar a querencia de Ricardo Carvalho Calero pola promoción do teatro naqueles centros onde deu aulas, na academia Fingoy de Lugo ou o instituto Rosalía de Castro de Santiago.

“Estaba pensado para que os rapaces as representasen de cara ao Día das Letras Galegas, pero quedaron frustradas de momento”  afirma resignado Héctor Cajaraville no Club de lectura de Radio Fene onde esta semana se someteu ás preguntas de Antonio Casal e Rubén Labisbal, xunto con Henrique Sanfiz, a través de videochamada. Respondendo a ese interrogatorio a propósito do libro editado por Xerais na colección Merlín, Cajaraville quédase co “compromiso” como a característica principal de Carvalho Calero, porque “el non esperaba a que os demais fixesen as cousas. Se facía falla unha gramática galega, el facíaa”, explicase o autor, quen pensa que a faceta académica de Don Ricardo solapou ao gran autor que hai nel. Por iso califica Scorpio como unha das mellores novelas da litearutura galega.

Opina Cajaraville que “o neno de Ferrolvello” está presente sempre na obra do autor ferrolán así como a influencia do seu mestre Comellas Coimbra. “Oitenta anos despois de defender Don Ricardo, por exemplo, a presencia do galego na aulas, a reivindicación segue en pé” afirma o autor da súa biografía para destacar precisamente o compromiso, verba que da título a este libro ilustrado por Fino Lorenzo que hoxe, en vísperas das Letras Galegas, é obxecto da nosa atención no Club de lectura. (Na imaxe, Héctor Cajaraville participando na videochamada)

Cultura

Publica o teu comentario agora