Sol nas primeiras horas da mañá do domingo de eleccións en Galicia

Sol nas primeiras horas da mañá do domingo de eleccións en Galicia

21 de Outubro, 2012 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As raiolas de sol acompañaron ás 9 desta mañá a apertura das mesas neste dia de eleccións en Galicia. O pronóstico agarda pola mañá ceos en xeral parcialmente anubrados na metade oeste de Gallicia, con nubes altas no resto. A partir do mediodía as nubes irán en aumento e agárdase algún chuvasco illado e ocasional, máis probable no litoral atlántico.

Un total de 2.229.184 galegos poden exercer o seu dereito a voto este domingo nas eleccións autonómicas para as que están habilitadas un total de 4.000 mesas nuns 2.500 colexios electorais de todo o país entre as que se distribuíron xa 55 millóns de papeletas. O censo total elévase até os 2.696.566, ao sumar os 400.000 galegos inscritos no Censo Electoral de Residentes Ausentes (Cera).

 

Hai 2.770 representantes da Administración autonómica que serán os encargados da recollida de información que enviarán á central de datos a través de máis de 1.700 PDAs, algo que axilizará o proceso, xa que abrangue o 70% das mesas electorais. O reconto restante realízase a través de chamadas telefónicas que son gravadas.

Esta será "a primeira vez" que todas as instalacións utilizadas para a recollida de datos son da Xunta, cun centro de datos repartido entre as instalacións do Executivo galego en San Caetano e da Cidade da Cultura, onde se atopa boa parte do armazón tecnolóxico e profesional de seguimento.

O primeiro avance de participación será ás 10.15

A xornada electoral arrincou ás 8.30 da mañá coa constitución das mesas, mentres que os colexios quedaron abertos ás 9. Ás 10.15 terá lugar a primeira comparececncia da Xunta con datos e incidencias, mentres que o primeiro avance de participación chegará ás 12.30; o segundo,  ás 17.30. Ademais, logo de pecharse os colexios ás 20 horas, coñeceranse tamén os primeiros datos "significativos" do escrutinio entre as 21.30 e as 22 horas, malia que Presidencia non foi capaz de determinar a hora fixa na que se coñecerá os datos co 100% escrutado, ante as posibles incidencias e a espera polos datos dos residentes ausentes.

Os datos en tempo real do escrutinio poderanse seguir tamén a través da web http//eleccions2012.xunta.es, na que haberá información a tempo real dos datos por concellos e provincias.

Sociedade