Solidariedade contra cancro infantil

Solidariedade contra cancro infantil
19 de Febreiro, 2024 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Máis de cincuenta nenos e nenas galegos foron diagnosticados de cancro o ano pasado. Dato facilitado en Radio Fene por Verónica Garcia, tesoureira da Asociación de Axuda a Nenos Oncolóxicos de Galicia, Asanog. A esta asociación destinaranse os fondos dun Torneo Solidario de Fútbol Sala que se disputará o día 24 de febreiro en Fene, baixo o lema "Pon a Gorra", por iniciativa da empresa Soos Maquinaria.

ESCOITA O PODCAST:

“Estamos para axudar a todas as familias”, indica Verónica Garcia. Asanog naceu en 2012 por iniciativa dun grupo de pais, “para chegar onde non chegan as administracións”. Ten a súa sede en Santiago, porque a maioría dos casos son atendidos no Hospital Clínico de Santiago, pero tamén traballa na Coruña e Vigo porque nos hospitais desas cidades atenden nenos oncolóxicos. A entidade conta con algo máis de 600 socios e marcouse o obxectivo de chegar a 700. 

O Torneo Solidario de Fútbol Sala a beneficio de Asanog disputarase no Pavillón da Xunqueira, en San Valentín. Comezará ás 16 horas e disputarano seis equipos da categoría biberón. Tamén haberá actuacións e sorteo de agasallos. A entrada é libre. Tony Calvo, xerente de Soos Maquinaria, anima a todo o mundo a colaborar con Asanog e destaca a gran acollida que está a ter a iniciativa, na que colabora o Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e que conta co apoio do Concello e de moitos negocios e empresas de Fene. 

Sociedade

Publica o teu comentario agora