Son moitas comparsas

Son moitas comparsas
26 de Febreiro, 2020 - 12:10 h. | Publicada por Radio Fene

Dezaoito comparsas participan no desfile que organiza a Concellería de Cultura para festexar o dia grande do Entroido de Fene. As comparsas tomarán as rúas fenesa ás 18 horas, pechándose ao tráfico as rúas afectadas.

O Entroido de Fene finaliza esta tarde co desfile e festival de comparsas que se desenvolverá polas rúas de Perlío e Fene a partir das 18 horas. O programa da xornada -festivo local no Concello de Fene- completarase coa lectura do Testamento e queima do Antón, coa presenza da “Viuva do Entroido”. E xa como fin de festa, a Concellería de Cultura anuncia un espectáculo pirotécnico que dará paso á verbena nocturna, arrufada pola orquestra Panamá.

As dezaoito comparsas participantes no desfile deste Mércores de Cinza concentraranse na  rúa Río Cádavo de Perlío ás 17.30 horas. Media hora máis tarde comezará o percorrido pola Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene, Avda. Naturais, e Avda. do Concello, ata chegar á praza do alcalde Ramón José Souto González onde se desenvolvera o festival baixo carpa. Dende o Concello de Fene lémbrase que durante o desfile pecharanse ao tráfico as rúas afectadas, polo que se recomenda aos condutores e condutoras que empreguen itinerarios alternativos.

Unha vez finalizado o desfile, todas as comparsas subirán ao escenario instalado na praza ubicada a carón da Casa do Concello aínda que, como en anos anteriores, só serán oito as que actúen, correspondendo este ano a: Os Colludos, Troupele Troupele, As Xoaniñas de Chao, O Camiño Inglés, Os Scratchados, Viaxe ao Povo Inuit, Santa Compaña e Paso a paso. A maiores, as comparsas Colexio Belén, Os Argalleiros, A Canteira, Oje Ferrol, Revolta de Trasancos, Os Parrandolos, Volvemos en 5 minutos, 100% Ferrol, @ Máis Mellores e os Mecos, amosarán as súas mellores galas desfilando polo escenario.          

O programa da xornada completarase coa lectura do Testamento, a queima do Antón e cun espectáculo pirotécnico que dará paso á actuación da orquestra Panamá, tamén baixo carpa. (Na imaxe a viúva do entroido fenés 2019).

Cultura

Publica o teu comentario agora