Sonia Verdes reclama un apoio firme da Xunta para os traballadores de Pascual

Sonia Verdes reclama un apoio firme da Xunta para os traballadores de Pascual

16 de Novembro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

Verdes anunciou que o Grupo Parlamentario Socialista rexistrou iniciativas nas que ser solicita ao executivo autonómico que reciba ao comité de empresa de Leite Pascual, e que nomee un interlocutor permanente co cadro de persoal.

 

A representante chairega sinalou que mañá, na Sesión da Comisión de Agricultura da Cámara Autonómica, interpelará ao Goberno Galego sobre as posibles opcións que se levarán para a defensa da factoría de Outeiro de Rei. Segundo argumenta “despois de máis de 6 meses, desde a Consellería de Medio Rural non foron quen de ofrecer ningunha alternativa que garanta o futuro da factoría, os postos de traballo e a recollida aos produtores”.

 

Sonia Verdes explicou que as Cooperativas galegas, lideradas por Feiraco, presentaron, no mes de xuño diante da Consellería, un proxecto serio e viable que non atopou “mais que boas palabras e condescendencia pero sen ningunha solución e ningún compromiso”.

 

A portavoz vilalbesa visitou o venres aos traballadores desta planta, que levan pechados desde o pasado mércores, para amosarlles o apoio e o compromiso dos socialistas galegos “ante a situación de desamparo que soportan por parte da Xunta”.

 

Grupo lácteo galego

 

Verdes defendeu o proxecto das cooperativas argumentando que é “o único serio e  viable, avalado mais por unha importante auditoría como  é Pricewaterhouse e o  mesmo  Igape”. A deputada socialista advertiu que a Consellería de Medio Rural e o conselleiro, Samuel Júarez, “seguen a xustificar a falla de apoio da Administración pola  escasa viabilidade do proxecto, pero sen ser quen de explicar qué lle falta a este proxecto”. A parlamentaria luguesa insistiu en que esta alternativa convertería ás cooperativas galegas “na primeira industria láctea galega, unha das primeiras de España, e permitiría a  transformación de máis de 200 millóns de litros anuais de leite que xestionarían os propios produtores, conquerindo pechar o ciclo produtor consumidor e contribuíndo a regulación do prezo  no mercado,  aportando ademais a estabilidade ao prezo do leite”.

 

Para a portavoz de Medio Rural este proxecto “contribuiría á vertebración do sector constituíndo o que puidera ser a oportunidade para sentar as bases dun grupo lácteo galego”.

 

Con estes argumentos a deputada reclama ao Conselleiro de Medio Rural respostas claras, concisas e concretas, ante a grave crise que atravesa o sector lácteo. Cualifica a  situación actual coma “critica”, que fai que mais de 4000 explotacións estean ao borde do peche por non poder facer fronte os prestamos. Nese senso pídelle ao Conselleiro de Medio Rural que “diga claramente qué solución ten para o futuro da planta e se coñece e tivo algún contacto co novo grupo de empresarios que parece interesarse nos últimos días pola planta”. Verdes quere saber “se efectivamente pretende e apoiaría unha vía que suporía deixar en mans foráneas unha industria asentada en Galicia , e se realmente tal como manifestou en sede parlamentaria non é a súa intención subsidiar a cooperativas nin organizacións agrarias”.

Sociedade