Soportou os ataques con bo humor

Soportou os ataques con bo humor
26 de Febreiro, 2021 - 10:39 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero seguíu activo a pesar da súa xubilación como docente universitario. Foise achegando ao mundo lusófono e iso despertou moitos prexuizos. Tamén recibiu ao final moitas homenaxes.

ESCOITA O PODCAST:

O 30 de outubro de 1980, cando Ricardo Carvalho Calero ten 70 anos, prodúcesecese a súa xubilación como profesor na Universidade. Aínda que rematara o seu traballo docente, Carvalho seguiu tendo un despacho na facultade onde queda facendo un labor de investigación. “Sempre estivo agradecido ao Reitor da Universidade de Santiago por este xesto que lle permitiu seguir relacionado co mundo universitario”, afirma o seu biógrafo Martinho Montero.

Paralelamente son os anos máis convulsos para a consecución dunha normativa para o galego. En 1982 derróganse as normas nas que traballara Carvalho, o que supón para el unha decepción e unha frustración porque vía como o futuro do galego quedaba comprometido. Neste contexto el vaise amosando máis decidido pola unidade co mundo portugués, tanto no léxico como na ortografía, algo que despertaba moitos prexuízos. Afirma Montero que “ el intentaba adaptarse e usaba distintas normativas e linguas (tamén o castelán) segundo escribira un artigo para un xornal ou un traballo de carácter científico”.

A marxinación que empezou a experimentar Carvalho por parte de determinados círculos e persoas fíxolle dano. Tivo problemas ás veces para publicar, sufríu ataques inxustos, mesmo publicamente. O que máis o afectou foi ver como antigos amigos se afastaban del, entre eles os do grupo Galaxia. “Sufriu bastante pero o soportaba con bo humor” di Montero.

Tamén recibiu nesta etapa moitas homenaxes e apoios do mundo do asociacionismo cultural. Segundo Martinho, sobre todo da xente nova, do mundo lusófono, de asociacións independentes e tamén dalgúns compañeiros da RAG. Carvalho Calero non abandonou nunca o activismo cultural. “É incríbel a actividade que realizou mesmo cando xa estaba enfermo. Colaboraba con todo o mundo”, sentencia Montero.

(Imaxe da "Reunión da editorial Galaxia". Exposición Carvalho Calero en Ferrol. 2020)

Cultura

Publica o teu comentario agora