SOS Sanidade pública

SOS Sanidade pública
06 de Febreiro, 2020 - 02:17 h. | Publicada por Radio Fene

O BNG fai unha chamada á participación da cidadanía comarcal na mobilización en defernsa da sanidade pública. A deputada do BNG, Montse Prado, reuníuse esta mañá en Ferrol, con colectivos afectados polo deterioro da sanidade pública na comarca.

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, mantivo hoxe unha reunión con representantes de colectivos afectados polo deterioro da sanidade pública na comarca; nomeadamente nais e pais afectadas pola falla de servizos de pediatría e tamén profisionais da sanidade. No encontro, estivo acompañada da alcaldesa de Moeche, alcalde de San Sadurniño e portavoces municipais de Ferrol, Narón, As Pontes, Fene e Ares.

Prado fixo unha análise da posición do BNG ao respecto do tema “que afecta a un direito básico, coma é a sanidade, no que o PP está a seguir unha folla de ruta que parte de favorecer o deterioro para logo xustificar procesos de privatización”. Aludíu, neste caso, á redución de orzamentos en materia de sanidade nos últimos anos, aseverando que “resulta indignante que pretendan inocularnos a idea de que con menos pódese facer máis, cando o problema de contración de persoal e mellora dos servizos non se pode facer se non hai investimentos”.

A casuística da comarca revela, segundo a deputada do BNG“que o que está a pasar a nível de Galiza tén na comarca consecuencias críticas, que padecen doentes e tamén profisionais da sanidade”, aludindo á problemática derivada da falta de pediatría “onde lonxe de resolverse os casos que levan máis dun ano, coma Moeche, Cerdido, etc…; afloran outros similares, coma en Fene, Ares-Mugardos ou As Pontes”. Casos nos que, tal e como lembrou a deputada do BNG “o BNG está a presentar iniciativas no Parlamento Galego desde o pasado ano, sen que a Xunta tomase nengunha iniciativa no camiño de solucionalos; coma se quixese inocularnos a idea de que isto é irreversíbel”.

Precisamente, a respecto desta situación, Prado afirmou que “o BNG vai continuar nese traballo de denuncia no campo institucional, mais é moi importante que isto leve acompañada a mobilización social que, como pasou no caso do paritorio de Verín, consegue virarlle o pulso ás políticas da Xunta”,rematando cunha chamada, como paso inmediato, á mobilización que se vai celebrar o vindeiro domingo dia 9 en Compostela, convocada pola Plataforma “SOS Sanidade Pública.

Sociedade

Publica o teu comentario agora