Sotavento acolleu a apertura do segundo cuadrimestre da UNED Senior

Sotavento acolleu a apertura do segundo cuadrimestre da UNED Senior

25 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

O segundo cuadrimestre da UNED Senior da Parroquia de Xestoso-Monfero está xa en marcha. A sede da Fundación Sotavento foi o espazo elixido para a apertura oficial da segunda parte do curso 2008-2009 cunha visita ás súas instalacións e un acto oficial ao que asistiron os alcaldes dos concellos implicados.

Regina Polín, por Guitiriz; Tomás Rodríguez Arias, alcalde de Xermade; Andrés Feal edil de Monfero; Antonio Deibe como representante de Irixoa; Manuel Brañas por Aranga e César Longo, alcalde de Paderne, acompañaron ao xerente da Fundación Sotavento, Xosé Núñez Baña, á directora da UNED de A Coruña, Susana Blanco, e ao Subdirector xeral de Espazos Naturais e Biodiversidade da Xunta, Don Rogelio Fernández na inauguración da segunda parte do ano académico.

O encargado de abrir o acto foi Núñez Baña, que fixo referencia á converxencia entre os principais obxectivos que se perseguen desde a Fundación do Parque eólico, e os da iniciativa desenrolada polo Consello de Anciáns de Xestoso-Cambás. “En Sotavento temos dous obxectivos, desenrolar proxectos de investigación sobre enerxías renovables e aproveitar estas accións para divulgar e promocionar a ciencia á sociedade galega. Por isto é importante iniciativas coma esta, xa que tanto a UNED Senior como Sotavento poden facer unha boa tarefa de divulgación da ciencia e das enerxías renovables”, estimou Xosé Núñez.

O responsable de Sotavento admitiu que o fin último da Fundación e “achegar o mundo da enerxía para que cada un dos 20.000 visitantes anuais poidan valorar por si mesmos a realidade ambiental e contribuír a non degradar o medio ambiente”.

Susana Blanco, directora da UNED de A Coruña, agradeceu a presenza dos alumnos no acto, sen os cales “este proxecto, que nun principio parecía impensable, se puidese levar a cabo”. Blanco loubou o traballo de todos os maiores de 55 anos que se inscribiron no segundo cuadrimestre por “tomarse tan en serio a aprendizaxe nas clases”. Para a directora universitaria este esforzo “ten moito mérito e iso sempre hai que recoñecelo”. Por outro lado, tamén agradeceu “o respaldo institucional, sen o cal non sería posible este feito”.

O responsable desta iniciativa, o párroco de Xestoso, Luis Rodríguez Patiño, tampouco se esqueceu dos alumnos, sen os cales, “a educación non seguiría adiante”. Patiño dixo que era necesario que se “botase unha pequena semente para que xermine un proxecto” e animou a que esta iniciativa continúe nos vindeiros anos.

Para o segundo cuadrimestre están proxectadas as asignaturas de Cambio Climático, Patrimonio Artístico e Servizos Sociais e Sanidade.

Sociedade