Sotavento celebra o Día da Terra con distintas actividades

Sotavento celebra o Día da Terra con distintas actividades

23 de Abril, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Sotavento Galicia participou onte,  22 de abril, con distintos actos nas nosas instalacións, nas actividades que, arredor do mundo, se realizan con motivo do Día da Terra. Ao persoal desta instalación xermadina acompañouno neste evento medio centenar de alumnos de terceiro da ESO do IES Alfredo Brañas de Carballo.

As accións que se levaron a cabo comprenderon a reconstrución dunha "mámoa", así como distintos xogos educativos e a visita ás case finalizadas obras da vivenda bioclimática.

O Día Mundial da Terra, que xa vai pola súa edición número 40, comezou o 22 de abril de 1970, e foron 20 millóns de persoas as que celebraron por vez primeira esta data. Desde entón, ano tras ano, celébrase este evento en distintos países do mundo. Un dos seus obxectivos é que se tome conciencia da repercusión das actividades humanas no medio, fomentando a reflexión e as accións individuais e colectivas, encamiñadas a un uso responsable e eficiente dos recursos enerxéticos de cara a posibilitar un desenvolvemento sostible do Planeta Terra.

Sociedade