Sotavento celebra o Día Meteorolóxico Mundial cunha exposición temporal

Sotavento celebra o Día Meteorolóxico Mundial cunha exposición temporal

26 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A Fundación Sotavento Galicia acolle, desde o pasado luns 23 de marzo, unha exposición temporal sobre meteoroloxía e os factores que determinan os diversos climas existentes na terra. A celebración do Día Meteorolóxico Mundial, que tivo lugar nese mesmo 23 de marzo, foi o motivo principal para desenrolar esta actividade.

Esta mostra, titulada “Descubrindo o Tempo”, está cedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, e componse de máis dunha decena de paneis explicativos nos que se ilustran nocións básicas da meteoroloxía que aparecen a diario nas nosas vidas, como son conceptos como as nubes, mapas do tempo, tormentas, climas, instrumentos de medida, etc. Outros dos temas que os visitantes a Sotavento poderán observar serán factores esenciais do clima da terra, como é o caso do efecto invernadoiro.

O Día Meteorolóxico Mundial está organizado pola World Meteorological Organization e conmemora a entrada en vigor do convenio que no ano 1950 deu lugar a creación de esta asociación de ámbito mundial.

“Descubrindo o Tempo” poderá visitarse ata finais do mes de Abril nas instalacións do Parque Eólico Experimental Sotavento. O horario semanal é de 10 a 18 h. (previa cita) e de 11 a 14 e 16 a 18 h. durante as fins de semana e festivos (non obrigatoria pero recomendable a cita previa). Os teléfonos para a xestión previa da visita son: 981 563777 (semanal) e 981 441020 (fins de semana e festivos).

Sociedade