Suárez Canal da por finalizada a campaña de vacinación contra a lingua azul

Suárez Canal da por finalizada a campaña de vacinación contra a lingua azul

05 de Xaneiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Negreira

A práctica totalidade de animais en situación de risco da doenza da lingua azul, vacináronse antes de final do pasado ano, segundo salientou este mediodia o conselleiro de Medio Rural Alfredo Suárez Canal. A cada animal impuxéronselle 4 vacinas contra o serotipo 1 e o serotipo 8, os máis probables na zona. Segundo Suárez Canal quedaron vacinadas un millón duascentas mil reses, 400.000 ovellas e cabras e 800.000 vacas.

A campaña principiou o 1 de setembro e o 31 de decembro estaban vacinados a práctica totalidade dos animais en situación de risco. A lingua azul é unha doenza inocua para as persoas, pero de gran importancia para o sector gandeiro, por ter grandes efectos na cabana vacuna, ovina e caprina e por provocar elevadas perdas económicas.

Segundo explicou o conselleiro, quedan pendentes algunhas explotacións, fundamentalmente en extensivo pero tamén doutro tipo, ás que lles serán aplicadas as vacinas ao longo deste mes de xaneiro, nalgún caso coincidindo coa campaña de saneamento gandeiro co fin de ocasionarlles as menores molestias posibles aos propietarios dos animais. Deste xeito dase por culminado un proceso para o que a Consellaría tiña de prazo ata o vindeiro 31 de marzo, segundo a normativa estatal, e que vai permitir, en palabras de Suárez Canal, “que Galiza sexa un dos territorios nos que a convivencia con esta enfermidade se produza durante menos tempo”

Precisamente, os responsables de Medio Rural atribúen o escaso nivel de afectación desta enfermidade na cabana gandeira galega “ás decisións tomadas en materia de detección do virus e de vacinación, así como ao feito de que se comezara a fabricar a vacina dos serotipos presentes en Galiza (o 1 e o 8) no mesmo momento no que a UE modificou os protocolos para permitir a vacinación xeneralizada mesmo en territorios sen afectación directa, como era o noso caso”, explicou o conselleiro. Neste sentido, Suárez Canal indicou que “o número de explotacións gandeiras afectadas non superou en ningunha provincia o 1% do total, nin sequera en Lugo, que foi a que rexistrou o maior número de positivos da enfermidade”. En total foron 227 explotacións as que contaron con algún caso positivo durante estes últimos meses en Galiza e 449 as reses afectadas. Nestes intres, Medio Rural non ten pendente ningunha confirmación de sospeita nin no Laboratorio de Sanidade e Produción Gandeira de Galiza (LASAPAGA) nin no de Algete, en Madrid, polo que estas cifras poderían ser as definitivas en canto á incidencia da lingua azul no noso País.

En canto a porcentaxes, o número de explotacións gandeiras afectadas supón o 0,31% do total das existentes en Galiza (72.166), mentres que o número de reses positivas só significou o 0,04 do total (1.211.720 entre animais bovinos, ovinos e cabrúns). Por especies, a incidencia foi semellante, supoñendo os animais bovinos afectados o 0,04% do número total existente en Galiza e o 0,03% no caso dos animais ovinos e cabrúns.

O conselleiro agradeceu a implicación de todos os colectivos que participaron na campaña de vacinación, en especial o esforzo realizado polos 342 veterinarios que chegaron a traballar neste proceso durante os últimos catro meses, así como a colaboración de 19 entidades máis, entre as Asociacións para a Defensa Sanitaria Gandeira e as organizacións Acruga e Boaga, que participaron en máis de 83.300 actos clínicos. Suárez Canal tamén se referiu á colaboración dos propios gandeiros que permitiron o desenvolvemento da campaña con normalidade, malia as molestias que lles puido ocasionar ter que reunir o gando en dúas ocasións para a administración das catro vacinas que recibiu cada animal. Por último, o conselleiro indicou que, “aínda que para os propietarios afectados esta enfermidade púidolles ter ocasionado importantes perdas, sobre todo derivadas da restrición de movementos do gando, o impacto global da lingua azul na cabana gandeira galega non foi relevante, dado que na practica totalidade dos casos a sintomatoloxía clínica non derivou na perda da vida por parte dos animais positivos”.

Sociedade