Tanto monta

Avoa e neta expoñen en Fene
04 de Febreiro, 2020 - 01:55 h. | Publicada por Radio Fene

Noelia Lago e Hortensia Losada expoñen xuntas na Casa da Cultura de Fene. A nova exposición inaugurase oficialmente o venres 7 ás 20h.

A Casa da Cultura de Fene acolle desde mañá dia 5 a Mostra Artística de Noelia Lago e Hortensia Losada. A inauguración está prevista para o venres 7 ás 20h. A mostra contén óleos, acuarelas, fotografía, poesía e arte manual. Poderá verse ata o 27 de febreiro no horario da Casa da cultura de Fene, de mañá e tarde. Trátase dunha mostra artística das obras máis representativas de Noelia Lago e Hortensia Losada dende os seus inicios no mundo da pintura hai máis dunha década ata a actualidade.

Nesta mostra pódense atopar arredor de 40 pinturas ao óleo sobre lenzo cun amplo número de temáticas en especial, paisaxes mariños e de montaña, así como tamén bodegóns e figuras humanas. Ademais, Noelia Lago incorpora tamén algúns dos seus poemas sobre acuarelas e nas vitrinas recóllese un guiño aos comezos na arte manual de Hortensia Losada con pezas artísticas que abarcan diferentes técnicas como a pintura sobre tea e porcelana, repuxado e traballo en coiro.

As artistas

Hortensia Losada sempre estivo ligada ao mundo do arte manual- costura, traballo en coiro pintura en tea e porcelana, bisutería, repuxado- xa fose investigando e practicando pola súa conta como acudindo a clases entendendo estas tamén como un espazo para compartir experiencias. Entrou na pintura ao óleo seguindo á súa neta Noelia, coa que acudía a clases.

Noelia Lago tamén sente dende a súa infancia unha afinidade cara o arte plástico ou manual e a escritura. Por este motivo, acode a clases de pintura ao óleo así como tamén a talleres literarios que lle permiten explorar as diferentes posibilidades de expresión artística. Estudou o Grao de Mestra de Educación Infantil e valora destacar a importancia do arte desde este campo cursando a Mención en Linguaxes artísticos.

Cultura

Publica o teu comentario agora