Tarde de Entroidada para a rapazada

Tarde de Entroidada para a rapazada

07 de Marzo, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

O Concello de Ordes ten preparado para mañá martes 8 de marzo, dentro do programa de actividades elaborado con motivo da celebración do Entroido, unha gran “Tarde de Entroidada” dirixida aos máis pequenos do municipio.

A festa terá lugar na Alameda de Ordes a partir das 16:30 horas, onde os nenos e nenas ordenses poderán disfrutar de infinidade de obradoiros, entre eles, os de maquillaxe, disfraces, globoflexia, ademais de xogos cooperativos e animación de rúa. En caso de choiva a festa realizarase no Pavillón Campomaior. 

Dende o Concello de Ordes animan a todos os veciños e veciñas a que sexan partícipes desta festa e saquen os disfraces á rúa para disfrutar desta gran “Tarde de Entroidada”. 

Últimos días para inscribirse no concurso de disfraces

Por outra banda o día grande da festividade do Entroido en Ordes será o vindeiro sábado 12 de marzo, Sábado de Piñata, co tradicional desfile e concurso de disfraces para nenos e maiores. A partir das 17 horas dará comenzo o desfile dos disfraces polas principais rúas do pobo ata o campo da feira, onde se celebrará o concurso. 

Un concurso no que haberá diferentes categorías, a de carrozas, a de comparsas infantís e de adultos, e a individual tamén diferenciada entre nenos e maiores, e no que se repartirán en total máis de 4.000 euros en premios.

Os interesados/as en participar no concurso deben realizar a súa inscrición no departamento de Cultura e Deporte do Concello de Ordes en horario de 9 a 14 horas, ou ben chamando aos teléfonos 981680002/ 981680157. O prazo para inscribirse remata o vindeiro mércores 9 de marzo.

Dende o goberno local ordense, o alcalde, Manuel Regos, anima aos veciños e veciñas, así como a  visitantes a que participen nesta festa adicada ao entroido que, co éxito de ano tras ano, se ten convertido xa en todo un referente na comarca.

Sociedade