A tarxeta de presentación da casa

A tarxeta de presentación da casa
26 de Xaneiro, 2021 - 01:15 h. | Publicada por Radio Fene

Petamos na porta do despacho de arquitectura de Carlos Ardá para falarmos con el sobre as portas, as de dentro e as de fora, de tendencias, de espazos, cores e materiais. Anécdotas e un pouco de historia non faltan nesta conversa.

ESCOITA O PODCAST:
Porta en Fene

As portas da casa son a tarxeta de presentación de quen a habita. A orientación da casa, o material utilizado, a estética acorde co edificio e a sensación de fortaleza son algunhas das características a ter en conta á hora de deseñar esa porta principal. Un arquitecto sabe como debe ser esa porta e tamén as que pechan os espazos interiores porque é quen ten unha visión total do espazo e de quen o habita. O arquitecto fenés, Carlos Ardá, axudounos a elexir. Dínos que "no interior cantas menos portas mellor" e que quizás á única estancia que precisa intimidade e polo tanto unha porta, é o cuarto de aseo. Hai unha tendencia aos espazos diáfanos – os chamados loft - sen estorbos como as portas que se abaten. Para iso as raíñas son as portas ou paneis corredeiras inventadas polos xaponeses, traslúcidos e máis accesibles.

En canto os materirais, Ardá defende a madeira, o material máis dúctil que combinado co vidro aportará máis lixeireza e máis luz. Falamos de medidas estándar que co paso do tempo vanse adaptando á demanda de accesibilidade, como mínimo 82 centímetros. Falamos de personalidade, desas portas exteriores que os ingleses pintan de cores chillonas, e Carlos Ardá fálanos de dúas teorías, a do mundo Celta que fala de que a cor azul forte se empregaba para espantar os meigallos e a outra, máis asequible, que fala de aproveitar as pinturas sobrantes que os pobos mariñeiros empregaban para pintar os barcos. última pregunta. Debe haber sempre armonía entre portas e ventás? Resposta de Ardá: “Desexable é pero non ten por qué. De feio hai moito PVC e aluminio nas ventás e máis madeira nas portas de entrada.

Cultura

Publica o teu comentario agora