Teatro e un obradoiro sobre resolución de conflitos protagonistas do Día da Muller Traballadora en Vilalba

Teatro e un obradoiro sobre resolución de conflitos protagonistas do Día da Muller Traballadora en Vilalba

03 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por Radio Lugo

A concellería de Benestar Social, Muller, Familia e Educación de Vilalba, pon en marcha desde hoxe a súa programación para conmemorar o Día da Muller Traballadora, que se celebra o vindeiro domingo 8 de marzo. As diferentes actividades do concello vilalbés ábrense e péchanse con teatro, pero tamén haberá espazo para a formación.

O telón do Auditorio Municipal abrirá esta programación coa obra de teatro “Un día de treboada”, organizada pola citada concellería e na que colaboran os centros de educación primaria do propio municipio chairego. O evento terá lugar hoxe, ás 11.30 horas, no edificio situado na rúa das Pedreiras.

A seguinte actividade terá lugar mañá e o venres 6 no IES Basanta Silva. Un obradoiro dará a formación adecuada aos rapaces para abordar a resolución de conflitos adolescentes, nos que se tocarán temas polémicos pero de gran importancia na actualidade. Cuestións como a violencia de xénero ou nas aulas serán postos sobre a mesa durante as dúas sesións, que se estenderán desde as 8.45 horas ata as 11.15.

O propio domingo 8 de marzo será o día elixido polo Concello para facer unha declaración institucional. O lugar elixido será o Templete da Praza da Constitución ás 13.00 horas. Pero o prato forte chegará contra as 20.30 horas no Auditorio. A Escola de Teatro de Vilalba ten programado un espectáculo teatral baseado nunha serie de actuacións nas que se combinarán vídeo, música e teatro arredor dunha escenografía minimalista elaborada polos propios actores.

Esta acción cultural porá o colofón ás actividades da propia compañía vilalbesa, xa que ao longo da semana os propios actores da Escola protagonizarán unha serie de fotografías que, coa paisaxe urbana de Vilalba como soporte, amosarán a visión particular e individualizada de cada un sobre a muller como ente dentro da sociedade contemporánea. Esta serie de fotografías comporán un “collage” que será exposto o mesmo 8 de marzo e que formará parte do concepto completo da montaxe.

Sociedade