Teatro, pintura, ioga, bailes de salón,...

Teatro, pintura, ioga, bailes de salón,...

19 de Setembro, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

A Concellería de Cultura e Deportes de Ordes pon en marcha unha nova quenda de actividades destinadas ós veciños e veciñas de tódalas idades. Trátase dos obradoiros culturais e deportivos de outono e inverno e que darán continuidade os xa realizados en datas anteriores, gozando dunha gran aceptación por parte dos ordenses.

No listado de obradoiros culturais figuran actividades como o ioga. Neste caso as clases, tanto de perfeccionamento coma de iniciación, desenvolveranse en distintos grupos os luns e os mércores no local cultural cun horario que vai dende as 19 ata as 22 horas. Os que gusten de bailar poderán gozar coas clases de bailes de salón no mesmo espazo tódolos venres de 21 a 22 horas ou ben de 22 a 23 horas.

O Concello de Ordes volve a ofrecer clases de pintura e debuxo na escola antiga. Os venres e os sábados, a partir das 18.30 e 10.30 respectivamente, serán os días nos que os máis cativos poderán agarralos pinceis e poñerse diante dos cabaletes. No caso dos adultos as clases, de dúas horas de duración para tódolos grupos, terán lugar os venres a partir das 19.30 horas. O teatro cerra o programa de actidades culturais. Os que se animen a subirse ó escenario terán unha cita os sábados de 11 a 13 horas na Casa de Cultura.

Dentro das ofertas deportivas figuran os cursos de ximnasia de mantemento e de aerobic, que cada martes e xoves terán lugar no local cultural de 19.30 a 20.30 horas e de 20.30 a 21.30 horas respectivamente. No que se refire ós cursos de patinaxe, éstes desenvolveranse os mércores e venres dende as 18 ata as 19.30 horas no pavillón Por outra banda os veciños e veciñas tamén contarán coas escolas municipais de fútbol, fútbol sala e hóckey. Nestes casos os encargados de levar a cabo os programas formativos serán os clubes correspondentes.O prezo para cada unha destas actividades será de 31,35 euros e haberá un máximo de alumnos co fin de poder prestar un servizo de calidade.

No caso das familias numerosas poderán beneficiarse dun desconto de ata o 50 por cento. Terán preferencia aquelas persoas empadroadas no concello, reservándose as prazas por rigurosa orde de chegada. O prazo de inscripción permanecerá aberto dende este luns ata o vindeiro día 30 deste mes no departamento de Cultura e Deporte, ubicado na planta baixa da Casa Consistorial. O horario de atención ó público vai de luns a venres dende as 9 ás 14 horas, así coma os martes de 17 a 19 horas. As preinscripcións deberán ir acompañadas dunha fotocopia do DNI do solicitante.

Ademáis das actividades englobadas nos obradoiros propiamente ditos, os veciños e veciñas que desexen estar en forma tamén poderán facer uso do ximnasio municipal. Ubicado no pavillón Castelao permanecerá aberto durante todo o ano, agás nos meses de verán, de luns a venres nun horario que vai dende as 18.30 ata as 22.30 horas. Os seus usuarios e usuarias poderán contar tamén co asesoramento gratuito dun adestrador persoal.

Deportes