Teatrofilia arrinca esta fin de semana cos espectáculos de Andaravía Teatro, Bicodobrelo e Ditea

Teatrofilia arrinca esta fin de semana cos espectáculos de Andaravía Teatro, Bicodobrelo e Ditea

11 de Marzo, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A sexta edición do Festival de Teatro Amador de Vedra, Teatrofilia, dá comezo este venres 13 coa compañía nacida ao abeiro da Asociación Cultural Papaventos, organizadora do festival, Andaravía Teatro. A peza leva por nome Anacos de nós e precede á representación o sábado da Comedia bífida de Manuel N&uacute

A fin de semana seguinte, 20, 21 e 22 de marzo, é a quenda de Airiños, que traen desde Rianxo A retirada de Napoleón, de Xavier Prado “Lameiro”, dirixido por Xesús Santos. Ao día seguinte, a Aula de Teatro Universitario de Compostela, dirixida por Cándido Pazó, pon en escena Xogos á hora da sesta, unha intensa sátira de Roma Mahieu sobre as ditaduras latinoamericanas dos 70. O domingo 22 terá lugar unha ruada baixo o nome de Roteiro máxico que partirá da Casa da Irmandade, liderado por Andaravía. Ao serán, a compañía profesional convidada este ano, Os Quinquilláns, representan O mago de Oz, unha obra para os máis pequechos.

Precisamente, os cativos serán os protagonistas ao domingo seguinte, o 29. A Aula de Teatro infantil de San Miguel de Sarandón achegará Unha de piratas. A de Oroso, Ir á escola non amola, e a do C.P.I. De Vedra, Fragmentaria. Esa mesma tarde, a Escola artística de Cuntis pon sobre as táboas Sublime decisión. Esa mesma fin de semana, o venres, estarán tamén en Teatrofilia a Aula Municipal de Teatro da Estrada, coas Criaturas de Roberto Vidal Bolaño. O sábado, a compañía de Narón O aturuxo de Melpómene presenta Cometa, cometa.

Por último, a primeira fin de semana de abril soben ao escenario vedrés compañías locais, coma Teatro do Menos Un (da Ponte Ulla), con Repouso absoluto, e Tira e afloxa (de San Miguel de Vilanova), con Con ou sin.... E o sábado, chega o grupo 23 de abril de Lanhelas (dende Caminha, Portugal), con Os Madriões, para pórlle o feche de ouro ao festival.

Teatrofilia está organizado pola Asociación Cultural Papaventos, e conta co apoio do Concello de Vedra, a Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural da Consellaría de Cultura e Deporte, a Fegatea e Ullán Teatro. As entradas terán un custe de 2 euros e tamén haberá a posibilidade de quitar bonos para todas as actuacións por 5 euros. As obras son aptas para todos os públicos, agás Xogos á hora da sesta e Criaturas, non recomendadas para menores de 13 anos.

Cultura