As telas están na orixe das zapatelas

Manuela Carmena puxo en marcha o proxecto cosiendo el paro en 2011.
13 de Xaneiro, 2020 - 02:26 h. | Publicada por Radio Fene

Unha raíña maga trouxome este ano unha boneca de trapo moi expresiva e preciosa (non hai máis que vela). Dentro da caixa viña un papel cun título moi suxerente. Poñía “zapatelas. Cosiendo el paro”. E isto despertou a miña curiosidade por este proxecto de inserción laboral e polas cousas que fan. A súa tenda presencial está na rúa Manuela Malasaña n.º 39 de Madrid. María Noguerol, con quen falamos nesta entrevista, é a directora do proxecto que hai oito anos creou a ex acaldesa de Madrid, Manuela Carmena.

ESCOITA O PODCAST:

Manuela Carmena preside a asociación independente “cosiendo el paro”, que creou hai oito anos en Madrid, co fin de integrar social e laboralmente a persoas que están no cárcere ou en situación de exclusión. 33 persoas que creen na reinserción social, procedentes de diferentes profesións, levan a cabo o proxecto “zapatelas” poñendo en marcha talleres de aprendizaxe dentro dos cárceres onde se confecciona roupa infantil, bonecas, zapatiños e xoguetes de madeira, todo 100% artesanal.

María Noguerol, de ascendentes galegos de Lugo, é quen dirixe o proxecto que nos explica ao detalle.

Os talleres están ubicados actualmente no módulo 3 do cárcere de Aranjuez, reuníndose todos os xoves, aínda que as presas e presos traballan, ao ritmo que elixen, durante toda a semana. Coas ganancias remunerase ás persoas que voluntariamente queren participar, desde o proceso de aprendizaxe ata o de elaboración dos productos. Zapatelas ten unha tenda na rúa Manuela Malasaña nº 39 en Madrid e ultima unha tenda on line para multiplicar as vendas. A tenda física está atendida na actualidade por tres mulleres contratadas para a venda. O excedente económico emprégase en ampliar o proxecto a novos grupos de traballo.

Ademais de comprando, calquera de nós pode contribuir a un proxecto que non recibe ningunha subvención porque tampouco as pediron. María Noguerol explícao na entrevista concedida a Radio Fene. Podemos colaborar tamém sendo formadores dos talleres se sabes coser, tecer ou facer traballos manuais. Os que vivimos lonxe de Madrid, aportando restos de telas que non imos utilizar; contribuíndo cun donativo ou facéndote socio-a de “cosiendo el paro” por 150€ ao ano.

Nas telas está precisamente a orixe de “zapatelas” cando Manuela Carmena hereda da súa avoa un montón de telas e pensa qué facer con elas. Así naceu zapatelas.Unha maneira de contactar, mentres non se active a tenda on line, é o correo electrónico de Zapatelas; zapatelas@cosiendoelparo.org ou os teléfonos 914 466 833// 609 024 891.

Sociedade

Publica o teu comentario agora