Temos que pechar

Temos que pechar
15 de Xaneiro, 2021 - 01:45 h. | Publicada por Radio Fene

O Mesón de Feal (Fene) pecha as portas e acóllese a un ERTE. As novas medidas que restrinxen o horario na hostalería non permiten traballar. Levan desde novembro intentando aguantar pero non se factura. Decembro e xaneiro foron horribles, en palabras de Diana Feal. Como o deles están moitos negocios. 

ESCOITA O PODCAST:

As novas medidas adoptadas pola Xunta de Galicia a causa do agravamento da pandemia, volven petar á porta dos hostaleiros que ven mermado de novo o seu horario de apertura. Visitamos en Magalofes (Fene) o Mesón de Feal para comprobar como pensan adaptarse á nova situación e topámonos coas portas fechadas. “Anoxados e tristes” Así define Diana Feal o estado no que se encontran os donos e os traballadores deste restaurante que hoxe mesmo decidiu pechar o establecemento en espera de mellores tempos. “Isto faise mais difícil do que estaba e vémonos na necesidade de parar a actividade”. 

Despois de asesorarse coa xestoría e de falar cos traballadores, tomaron a decisión de acollerse a un ERTE, algo que viñeron retardando desde setembro coa expectativa de que a situación poidese mellorar. Declara Diana Feal que o primeiro peche perimetral xa os deixou tocados porque teñen clientela doutros municipios como Ferrol ou Narón que non podían acudir ao establecemento. “Iso xa nos repercutiu moitísimo” afirma. As noites para eles xa non existían porque non están situados no centro de Fene e co toque de queda a xente renunciou ás ceas de restaurante. 

Despois de permanecer pechados en outubro por vacacións, aos tres días de abrir foi cando se estableceu o peche perimetral. Aguantaron con comidas para levar coas esperanzas postas no mes de decembro e o Nadal pero “decembro foi malísimo e xaneiro horrible. Non facturamos case nada. Agora toca agardar. “A ver cando podemos abrir” di, entre triste e esperanzada, Diana Feal (Na imaxe).

Sociedade

Publica o teu comentario agora