Tensión narrativa na praia de Santo Amaro

Tensión narrativa na praia de Santo Amaro
20 de Decembro, 2020 - 08:05 h. | Publicada por Radio Fene

Un eumés acada un dos premios literarios máis prestixiosos de Galicia. "santoamaro" de Antonio Manuel Fraga, Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil 2020.

O xurado da XII edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil dotado con 10.000 euros e no que concorren 24 obras, formado por: Pablo G. Freire (redactor na revista online de literatura xuvenil El Templo de las Mil Puertas), Selina Otero (xornalista en Faro de Vigo), Cristina Álvarez Pérez (profesora de Educación Secundaria e coordinadora do Comando Le de Espazo Lectura) María Xesús Nogueira (profesora na USC e crítica literaria), Brais Nogueira (xornalista) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto, acordou declarar finalistas as obras presentadas baixo os lemas: "Doppel", "Santo Amaro" e "Xules". Despois da súa última deliberación, acordou por unanimidade declarar como gañadora a obra presentada baixo o lema "Santo Amaro",que, despois de aberta a plica, resultou ser de Antonio Manuel Fraga e corresponde ao título "santoamaro".

En palabras do xurado: Un grupo de amigos e amigas que acaban de rematar bacharelato deciden reunirse todos os sábados do verán pola noite na coruñesa praia de Santo Amaro. Queren aproveitar o tempo que lles queda antes do inicio dun novo curso con cambios importantes que poden supoñer a súa separación. As relacións que se establecen entre eles e elas durante eses dous meses e medio, a evolución da súa personalidade, as preocupacións que lles xorden por distintos motivos vitais e a resolución deses conflitos propios da idade adolescente conforman a trama da novela, presentada como unha función teatral cuxo escenario é a propia praia. Os capítulos en que se estrutura, organizados como actos dunha obra dramática, ábrense coas mensaxes do grupo de WhatsApp mediante o que se comunican, que transmite certa información de relevancia tendo en conta as variacións que nel se van producindo. En gran medida, a obra está narrada cun estilo directo onde os diálogos áxiles e adecuados a cada personaxe son a cerna dos acontecementos. Coa utilización dunha linguaxe próxima, clara, concisa e con intervencións nas cales figuran referentes actuais coñecidos polo lectorado, «santoamaro» consegue manter a tensión ata as últimas páxinas. Por outro lado, a voz narradora insire na novela aspectos relacionados coa textualidade teatral que lle conceden á obra varias capas de lectura e que provocan en quen le unha novidosa reflexión sobre o propio acto de creación literaria. Así mesmo, esta voz narradora vai xebrando sutilmente pero con precisión a lograda ambientación acorde cos acontecementos que envolve todo o relato.

Antonio Manuel Fraga

Antonio Manuel Fraga Allegue (Pontedeume, 1976) estudou Enxeñaría Técnica Industrial en Ferrol. Dende o 2006 vive na Coruña, cidade na que traballou na refinaría de petróleo. Viviu despois en Alcañiz (Teruel) e no inverno de 2010 trasladouse a Romanía, onde participou na construción dun parque eólico. Tras o seu regreso da emigración, comezou a escribir. Gaña o Premio Merlín de Literatura Infantil 2013 con «O Castañeiro de Abril». Dende entón publicou en Xerais «Tartarus» (2016), na colección Fóra de Xogo, e «Escaquis e Romeu» (2018) na colección Sopa de Libros. O galardoado explicou que sempre é unha alegría recibir un premio, mais este ten un aquel especial por dúas  razóns persoais. Primeiro, porque a escrita deste texto supón transitar camiños que eu aínda non explorara, un afastamento voluntario dos espazos onde me sinto cómodo. E segundo, porque é a primeira novela que fun quen de rematar cun novo rol nas costas, pai dunha meniña pequena, o que implicou unha revolución dos meus horarios e tempos de escrita. O título, «santoamaro», fai referencia ao lugar a partir do cal construín a ficción, a praia urbana de Santo Amaro, que servirá de único escenario dun texto narrativo en constante diálogo co teatro. Ten ademais o texto unha clara vontade de conectar coa contemporaneidade. Os personaxes son doce rapaces e rapazas que gozan do verán despois do último curso de Bacharelato. O meu traballo diario con persoas desta idade serviume como aprendizaxe e pulo para construír unha historia moi pegada á vida e (ás veces) á súa crueza.

Cultura

Publica o teu comentario agora