Terra Galega e PPdeG conseguen 8 concelleiros cada un en Narón

Terra Galega e PPdeG conseguen 8 concelleiros cada un en Narón

22 de Maio, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Escrutados o 100% dos votos, aínda non está claro quen gobernará Narón. Dependerá da capacidade para establecer alianzas que demostren nas vindeiras xornadas as distintas formacións. O PPdeG conseguiu oito concelleiros, os mesmos que Terra Galega. Completan a corporación municipal dous edís do BNG, outros dous do PSdeG e un de Converxencia Galega.

Os populares, liderados por Miguel de Santiago, rexistraron o maior crecemento, xa que conseguiron tres actas máis que nos anteriores comicios. Terra Galega, cuxa candidatura está encabezada polo actual alcalde, José Manuel Blanco, perdeu dous concelleiros con respecto a hai catro anos. Tamén retrocederon o Bloque Nacionalista Galego e o PSdeG, que pasan en ambos casos de tres edís a dous. Por último, Converxencia Galega, o partido fundado polo histórico alcalde de Narón Xoán Gato e encabezado no municipio por María Rodríguez Porto, conseguiu entrar na corporación.

Deixaron as súas papeletas nas urnas 17.287 naroneses, o que supón preto do 54% da poboación deste concello coruñés. 796 votos foron en branco e 278, nulos.

Institucional