Terras de salitre

As fotos de Cristina Mittermeier chegan a Ferrol
16 de Xaneiro, 2019 - 10:10 h. | Publicada por Radio Fene

Afundación presenta en Ferrol a exposición fotográfica «Terras de salitre. Cristina Mittermeier», un percorrido polas zonas do mundo nas que o ser humano explota os recursos marítimos dunha forma respectuosa e sustentable, realizado pola fotógrafa mexicana Cristina Mittermeier. A mostra, conformada por fotografías de Grenlandia, Hawai, India, Madagascar, Columbia, Abralhos, a Antártida e Galicia, inaugurarase o vindeiro 24 de xaneiro na Sede Afundación de Ferrol, onde se poderá visitar ata o 5 de maio.

A fascinación polo océano é o fío condutor de vida e obra de Cristina Mittermeier. Graduada en Enxeñería Bioquímica de Ciencias Mariñas, decidiu deixar a súa carreira como enxeñeira para converterse nunha defensora dos mares e da biodiversidade a través da fotografía, a mellor ferramenta para conectar emocionalmente co público, promover cambios e defender a natureza. En «Terras de salitre» Mittermeier retrata aquelas zonas pesqueiras que conseguiron manter o difícil equilibrio entre vivir dos recursos marítimos e conservalos. Entre elas atópase Galicia, zona que visitou no mes de setembro de 2017 cun percorrido que a levou pola Guarda, Baiona, Moaña, Noia e a Costa da Morte.

Desde hai anos, Mittermeier comparte proxectos e vida con Paul Nicklen, recoñecido fotógrafo de National Geographic, xunto a quen creou a organización Sea Legacy para concienciar sobre o respecto aos océanos mediante as súas fotografías, publicadas nas mellores revistas e galardoadas cos premios máis prestixiosos.

Cultura

Publica o teu comentario agora