Toda a familia no paro

Toda a familia no paro

26 de Xaneiro, 2017 - 12:00 h. | Publicada por Radio Redondela

En 69.600 fogares galegos toda a familia está no paro, segundo a Enquisa de Poboación Activa do cuarto trimestre do 2016. Segundo a EPA, 204.200 persoas carecen de emprego en Galicia. Perderon o emprego nese periodo 8.300 mulleres e homes.

Comisións Obreiras (CCOO) ve na enquisa de poboación activa (EPA) do derradeiro trimestre do 2016 un «balance negativo» do último ano. A xuízo da secretaria de Emprego sindicato, Maica Bouza, os datos debuxan unha Galicia con menos emprego e un volume «insostible» de paro, precariedade e pobreza. Segundo a sindicalista, a actividade recupérase, mais non o emprego, xa que o noso país segue a padecer os efectos negativos da reforma laboral: substitución de emprego indefinido por eventual e a tempo parcial, peores salarios e menores dereitos asociados.

A responsable de Emprego de CCOO reproba ao presidente da Xunta que «intensifique» en Galicia as «receitas» de Mariano Rajoy, que ata o de agora deixan máis paro, destrución de emprego, desprotección social e, «sobre todo, perda de expectativas de poder desenvolver un proxecto de vida na súa terra».

Por esta razón, CCOO insta a Xunta de Galicia a facer unha «emenda á totalidade» das súas políticas e aproveite os orzamentos que se están a tramitar no Parlamento para recuperar o papel do sector público —motor da actividade e do emprego— na economía galega. Isto, xunto coa restitución dos dereitos arrebatados aos empregados e empregadas públicas e a aposta por un novo modelo de desenvolvemento e o incremento da protección social.

Por último, Maica Bouza pídelle ao sector empresarial un «compromiso» coa reactivación da actividade, que ha comezar pola recuperación do poder adquisitivo dos salarios, e continuar pola creación de emprego de calidade. Na súa opinión, estas son condicións «indispensables» non só para restituír os estándares de vida anteriores á crise, senón para a propia superación da mesma.

Análise da EPA

Segundo os datos da enquisa de poboación activa (EPA), no cuarto trimestre de 2016 perderon o emprego 8.300 persoas en Galicia, co que a cifra de ocupación baixa ata 1.049.600. En proporción, a destrución de emprego foi maior en Galicia (–0,79 %) ca na media estatal (–0,10 %).

A perda de emprego bate con máis forza nos homes ca nas mulleres (5.700 ocupados menos fronte a 2.600 ocupadas menos) e, por grupos de idade, o colectivo máis prexudicado é o das persoas máis novas: 5.700 menores de 30 anos perderon o seu emprego no último trimestre do ano (–4,5 %). Por sectores, o emprego creado no primario (3.900 persoas ocupadas máis) non compensou a perda de emprego nos restantes: na construción hai 1.700 persoas ocupadas menos (–2,4 %), nos servizos 9.800 menos (–1,3 %) e na industria 700 menos (–0,4 %). No que atinxe ao tipo de xornada, substituíuse emprego a tempo completo por emprego a tempo parcial (16.400 persoas ocupadas menos a xornada completa fronte a 8.100 máis a xornada parcial).

A creación de emprego por conta propia non compensou a perda de emprego por conta allea (unhas 5.000 persoas ocupadas máis por conta propia fronte a 12.700 menos por conta allea). No que atinxe a poboación asalariada, pérdese máis emprego no sector público ca no privado (7.700 persoas asalariadas menos no sector público e 4.900 menos no sector privado) e, polo tipo de contrato, o emprego máis danado é o temporal (9.600 empregos temporais menos e 3.100 indefinidos menos). A taxa de temporalidade está no 26,7 %, son 1,2 puntos máis ca no mesmo trimestre de 2015.

Desde o cuarto trimestre de 2015 hai 17.100 persoas máis con emprego (9.700 homes e 7.400 mulleres). En proporción, creouse menos emprego en Galicia ca na media estatal: 1,65 % fronte ao 2,29 %. O emprego avanza moi devagar en Galicia pois quedan aínda por recuperar 146.800 postos de traballo para situarnos nos niveis de ocupación que había hai oito anos.

O aumento da poboación ocupada no último ano é insuficiente para reverter os gravísimos efectos da crise no mercado laboral. A creación de emprego esta condicionada por unha elevada precariedade: o emprego por conta allea que se creou no último ano foi temporal (12.900 persoas asalariadas máis cun contrato temporal), mentres que o indefinido se estancou. A xornada parcial é outra manifestación da precariedade: o emprego a xornada parcial medrou máis que o da xornada completa (3,5 % fronte ao 1,4 %). No cuarto trimestre de 2016, o 61 % das persoas que traballaban a xornada parcial manifestaron que tiñan ese tipo de xornada porque non atopaban un traballo a xornada completa; só un 7 % afirmou buscar ese tipo de xornada.

No cuarto trimestre de 2016 había 204.200 parados e paradas en Galicia (102.700 homes e 101.500 mulleres), o que implica unha taxa de paro do 16,3 %; a dita taxa é do 15,6 % nos homes e do 17,0 % nas mulleres. Un indicador que pon de manifesto os graves desequilibrios do noso mercado laboral é o desmesurado paro de moi longa duración: o 43 % das persoas desempregadas levaban buscando un posto de traballo dous ou máis anos; estaba nesta situación 88.800 persoas.

Hai 2.500 persoas paradas menos ca no terceiro trimestre de 2016 (–1,2 %). Non obstante, a evolución do paro foi moi diferente á do emprego: 2.500 persoas paradas menos fronte a 8.300 persoas ocupadas menos, o que evidencia que a perda de poboación activa tivo un efecto significativo no descenso do desemprego. En termos anuais, o descenso do desemprego foi menor en Galicia (–8,3 %) ca na media estatal (–11,3 %) e na baixa do paro tamén influíu a perda de poboación activa.

Un termómetro que mide a angustia que están a vivir moitas familias en Galicia é a tipoloxía dos fogares en relación coa actividade laboral. As eivas do mercado laboral (emprego precario, desemprego de longa duración, emigración...) acumúlanse en moitas ocasións nun único fogar. Pero talvez a circunstancia máis extrema se produce cando todos os membros dunha vivenda están no paro: 69.600 en Galicia no cuarto trimestre de 2016 segundo a EPA. O catálogo de condicións extremas non remata aí porque en 37.100 fogares ninguén percibe ingresos (2.300 máis ca no trimestre anterior e 4.300 máis ca no mesmo trimestre de 2015). O risco de exclusión social axexa ás portas destes milleiros de fogares.

Sociedade