Todos e todas sabemos o que nos xogamos

Todos e todas sabemos o que nos xogamos
27 de Marzo, 2020 - 09:39 h. | Publicada por Radio Fene

O alcalde de Ferrol, Angel Mato, afirma que evitar o contaxio depende de cada un de nós e que todos sabemos o que nos xogamos. Entre as súas prioridades figura a atención as persoas maiores, as máis vulnerables nesta crise.

ESCOITA O PODCAST:

O 90% do plantel municipal de Ferrol traballa desde a casa, mentres que aqueles que se consideran servizos especiais fanno de forma presencial. Traballa o Rexistro, a área de Benestar, o cemiterio, a policía local e os bombeiros. O alcalde destaca o esforzo realizado polo servizo de informática para que fose posible articular o teletraballo. Angel Mato explica que todo o mundo pode facer trámites municipais telemáticamente e só aqueles casos de extrema necesidade poden facelo presencialmente.

Entre as medidas adoptadas para este momento de alarma sanitaria, o concello de Ferrol aprazou o calendario fiscal para que comerciantes e pequenas empresas non teñan que facer o desembolso das taxas neste momento no que permanecen forzosamente pechados. Tamén traballa o servizo de recolllida do lixo e a limpeza especial nas zonas comúns. Paralelamente a Xunta de Galicia reduciu o horario dos autobuses para non expoñer á poboación a contaxios, e tendo en conta que os cidadáns deben moverse o menos posible.

O concello de Ferrol repartiu material de seguridade, procedente da doazón de diferentes empresas, entre o SERGAS e as residencias de maiores ubicadas no municipio. “O persoal sanitario e os maiores son neste momento os máis vulnerables e por iso hai que coidalos máis” declarou o alcalde ferrolán, quen engade que nestes centros de maiores se vive a situación con “certa tranquilidade” ainda que coa natural preocupación. (Na imaxe, a Residencia de maiores de Caranza-Ferrol que a UME está a desinfectar estes días).

A policía local ten que facer o seu traballo e velar porque os cidadáns non se salten as normas do estado de alarma. Hai quen non as acata pero a inmensa maioría sí o fai, afirma Mato. A Infantería de Marina reforza ese traballo de información e vixianza para que sigamos mantendo as precaucións. “Todos sabemos o que nos xogamos -declarou Angel Mato a Radio Fene- e evitar o contaxio depende de todos e todas nós”.

Para axudar no confinamento, os técnicos de Cultura e Deportes do concello de Ferrol puxeron en marcha unha iniciativa en Internet. A través da web do Concello de www.ferrol.es ofrécese cada dia unha proposta cultural, unha actividade específica para a rapazada e unha táboa de exercicios físicos para manternos en forma dentro dos nosos fogares.

Institucional

Publica o teu comentario agora