Traballando en Perú para un desenvolvemento sustentable

Traballando en Perú para un desenvolvemento sustentable

26 de Maio, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Recén chegados do Perú, representantes do Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación realizan esta tarde unha visita institucional ao Concello de Fene. O director financeiro do Ceprode, Pedro Almendáriz, e a alcaldesa de Altavillos Alto, Rosario Huamán, manteñen ao longo desta semana contactos con distintas corporacións que forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para presentarlles os proxectos que a ONGD est&aacute

A iniciativa de traer a Galicia a unha delegación do Ceprode enmárcase dentro da programación de ‘Visitas ao Norte’ que o Fondo Galego leva a cabo entre as súas actividades de sensibilización, co obxectivo de que os concellos implicados poidan coñecer de primeira man o labor que se realiza cos seus recursos nos países do “Sur”. Ao mesmo tempo, favorécese o intercambio de ideas entre profesionais e activistas de sectores de traballo homólogos nas dúas beiras do Atlántico, xa que a delegación peruana non só se está a reunir con representantes políticos senón tamén con asociacións de mulleres, inmigrantes ou gandeiros.

Esta mesma tarde, o director financeiro do Ceprode, Pedro Almendáriz, e a alcaldesa de Altavillos Alto, Rosario Huamán, acompañados por membros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, mantiveron un encontro con representantes políticos e do movemento asociativo do Concello de Fene.

Almendáriz explicou a Radiofusión que o traballo que o Centro de Promoción do Desenvolvemento e a Educación realiza en doce municipios da provincia de Huaral vai encamiñado “ao desenvolvemento sustentable con enfoque de xénero” e que o “obxectivo fundamental é contribuir á erradicación da pobreza prestando unha especial atención á formación da muller campesiña”.

Logo das visitas realizadas ao concellos de Burela, Riotorto, Manzaneda, A Pobra de Trives, A Coruña e Fene, a delegación peruana continuará o seu periplo polos concellos de A Guarda, Santiago e Baiona, ademais de pasar pola Deputación de Pontevedra e Xunta de Galicia. O último día, o venres, o director financeiro do CEPRODE e a alcaldesa de Altavillos Alto encargaranse de inaugurar a Asemblea xeral de socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade en Santiago de Compostela e manterán unha xuntanza coa subdirectora xeral de Cooperación Exterior, Pilar Romero.

Sociedade