Traballar con seguridade

Traballar con seguridade
16 de Abril, 2020 - 11:29 h. | Publicada por Radio Fene

O colectivo de traballadoras de axuda no fogar quere e debe traballar con seguridade e prevención, polo seu ben e o dos usuarios que atenden. O risco é grande se temos en conta que con persoas dependentes non se poden gardar as distancias, daí que os Equipos de Protección Individual (EPIs) sexan imprescindibles.

ESCOITA O PODCAST:

Diferentes doantes enviaron á empresa Clece, a través do concello de Narón, material de seguridade para ser entregado ás súas traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar. Un doante anónimo enviou luvas e máscaras, Makers Ferrolterra aportou pantallas, a Coral Areosa e a tenda de roupa de vodas María Barcia cun grupo de voluntarias colaboraron con máis mascarillas. O material facía moita falla porque ata o momento, e xa pasou máis dun mes desde a alarma sanitaria, estas traballadoras de axuda no fogar non dispuñan de EPIs adecuadas á nova situación. Traballaban co “uniforme” habitual que inclúe bata, zocos e luvas, pero a cara descuberta, segundo nos relata Amalia, unha das 100 traballadoras de Clece en Narón.

As traballadoras a domicilio son un colectivo dos máis expostos nesta crise sanitaria porque entran en domicilios diferentes para realizar o seu traballo e entran en contacto con persoas vulnerables ante o virus. Maioritariamente son persoas maiores pero tamén xente máis nova que é dependente. Cada día deben atender catro, cinco ou seis domicilios, depende das horas asignadas.

A propósito do seu traballo, Amalia cóntanos que cada domicilio ten as súas necesidades pero en xeral a súa misión é atender o aseo desas persoas, realizar as tarefas de limpeza e proporcionarlles as tres comidas do día. Son traballos que requiren estar pegado do usuario ou usuaria, estar moi cerca deles, non se poden gardar as distancias recomendadas, daí a importancia de contar con EPIs que as protexan a elas e aos usuarios. O traballo destas persoas ten un compoñente físico pero tamén psíquico porque durante unhas horas proporcionan compañía, no máis amplo sentido da palabra, aos usuarios e usuarias do servizo.  Nesta situación extraordinaria que atravesamos, o seu labor é máis necesario que nunca e a súa seguridade tamén.

(Na imaxe, traballadoras do 061)

Sociedade

Publica o teu comentario agora