A transferencia da AP9 a debate

A transferencia da AP9 a debate
01 de Febreiro, 2021 - 10:38 h. | Publicada por Radio Fene

Mañá martes 2 de febreiro, iniciase o debate no Congreso dos Deputados, do inicio dos trámites para a transferencia da AP9. Esta circunstancia debera favorecer un debate en Galicia, segundo opina o filósofo Antón Baamonde.

ESCOITA O PODCAST:

Chegou o día para que se inicie no Congreso dos Deputados o debate do inicio dos trámites para a transferencia da AP9 á comunidade autónoma galega. A transferencia á Xunta situaría a Galicia en condicións de negociar coa concesionaria, Audasa, as condicións que irían desde o prezo da peaxe ate as condicións de mantemento da autoestrada. A AP9 pasou por varias mans e hoxe en día os donos son dous fondos de investimento internacionais máis Abanca que ten un pequeno lote de accións. En palabras do filósofo e escritor Antón Baamonde, o primeiro chanzo líbrase mañá pero o camiño parlamentario é complicado e non de curto prazo. Calcúlase que polo menos para a transferencia nos poñeremos nos finais de 2021.

Opina Baamonde que esta situación debera favorecer un debate en Galicia para que se coñeza como foi a concesión da AP9, desde que se puxo a primeira pedra en Rande no ano 1973, pasando polas sucesivas ampliacións da concesión ata a última que nos pon no ano 2048. “Neste momento hai tres autoestradas da mesma xeneración da AP9 que xa están en dominio público”. Partindo de que esa concesión non aparece economicamente xustificada, "non ten sentido, recalca, que un poda viaxar gratis de Galicia a Madrid e pola contra, na vertebración interna do país, teñamos que pagar 22€ de Ferrol a Vigo". As peaxes están a lastrar a estrutura económica do noso país, segundo din economistas como Pedro Arias. É un custe engadido para calquer transporte e para calquer traballador que requira da mobilidade para traballar. Son milleiros as persoas que se ven obrigadas a pagar todos os dias uns 400 ou 500€ mensuais, para viaxar de Santiago a Vigo. “ Poucos salarios poden aguantar isto”, destaca Baamonde.

A Autoestrada, segue a ser unha navallada para a nosa terra? Ante a pregunta, Antón Baamonde contesta que a autoestrada une, o que está mal é o seu custe. E insiste en que cada vez que se librou un tramo- véxase o caso de Ferrol- fíxose pagando as diferentes administracións, desde a Xunta ata o Ministerio e Fomento ou as Deputacións. “A concesión administrativa sempre lles deu beneficios, sen que lles reporte custe algún” e non digamos o mantemento que deixa moito que desexar. A autoestrada ten un papel decisivo para Galicia. O rescate da concesión custaría o que valen 40 km de AVE.

Sociedade

Publica o teu comentario agora