Tres exposicións, tres visións distintas da arte

Tres exposicións, tres visións distintas da arte

04 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

Un total de 556 personas visitaron en dous meses as propostas que o Concello de Ferrol ofrece no Centro Torrente Ballester (CTB) correspondentes ao cuarto trimestre expositivo de 2010: “Sonrisas&Lágrimas”, “Juan Loeck 1:1” e “Unha camiseta, un museo”. Destacouno así esta mañá a concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, quen invitou á cidadanía a achegarse ata estas instalacións municipais e gozar destes novos proxect

“Sonrisas &Lágrimas”, da que é comisaria Susana Blas, é unha exposición  completamente audiovisual instalada na parte antiga e nova do Centro Torrente Ballester. Está composta por nove vídeo-catarses nas que o humor aparece como arma de reflexión e crítica política, como un espazo desestabilizador creador de ficcións e a ironía, como azote do politicamente correcto, como semente de esperanzas de diálogo. A caducidade de certos estereotipos culturais, a degradación do espazo público, a perda de valores, a pervivencia do machismo no mundo da cultura ou a loita pola supervivencia nun contexto inxusto son algúns dos asuntos dos que tratan os traballos das artistas seleccionadas nesta mostra. En definitiva, unha “sonrisa desestabilizante que xera reflexión, impotencia, rabia e que en ocasións remata en bágoas”. As artistas que expoñen as súas creacións en “Sonrisas &Lágrimas” son naturais de A Coruña (Rita Rodríguez), Sevilla (María Cañas), Pamplona (Verónica Eguaras), Austria (Susanne Jirkuff), Italia (Marinella Senatore), Barcelona (Tere Recarens), Bilbao (Estíbaliz Sadaba) e Madrid (Esther Achaerandio).    

“Juan Loeck 1:1”, pódese visitar na Sala de Proxectos do Centro Torrente Ballester e está comisariada por Elsa R. Armentia. Nela, o seu creador, Juan Loeck (Santander, 1959) recorre a 1:1 como símbolo para explicar unha relación natural ou unha escala que emprega para representar obxectos no seu tamaño real. As representacións que amosa non pretenden falar do mundo segundo as súas medidas obxectivas, senón máis ben tamizalas por un filtro emocional. Cada unha das súas obras é unha xesta, un proceso épico co que intenta resolver un novo misterio relacionado coa materia e cos seus propios alcances artísticos. Daí a súa afiliación desde os anos 80 á arte procesual, unha devoción infatigable que o levou a consagrar a súa vida artística ao estudo do proceso creativo en detrimento da produción de mercadurías de arte. Loeck vén realizando unha única peza desde o inicio da súa carreira, formulando interrogantes que intenta resolver desde diferentes aproximacións, sendo a Venus un dos piares temáticos sobre os que cimentou as súas reflexións, entendendo a súa relación coa materia como unha conversa con diferentes modelos e materiais sobre os que exerce modificacións, manipulacións ou conspiracións que observa e documenta ata o máis ínfimo detalle. A súa pretensión de representar un mundo en escala 1:1 reflicte unha morriña por modelos do pasado ausentes na contemporaneidade, os cales presenta encarnados na ausencia do molde da impoñente Venus de Milo, a deusa do amor e da beleza.   

“Unha camiseta, un museo”, da licenciada en Belas Artes e estudante de Deseño de Moda na Universidade de Vigo Lucía García Rey e da que é comisaria Susana Cendán, responsable de contidos do Centro Torrente Ballester. Atópase nunha das salas da zona vella do Centro Torrente Ballester e tal e como destacou Cendán trátase dunha obra de arte portátil. Así pois, a prenda de roupa convírtese en soporte para unha obra e a imaxe foi creada especificamente para este: un elegante reno que introduce ao espectador nunha sala de exposicións transportable que se completa co propio vestiario e onde cada un actúa como comisario. En resumo: arte portátil lista para levar -as camisetas, unha edición limitada de 250, están á venda no propio CTB ao prezo de 10 euros. García Rey emprega, baixo o seudónimo de Maya Kapouski, a rede como espacio expositivo para grande parte do seu traballo, o cal xira en torno á cotidianidade, a alimentación, a indumentaria, o fogar ou a cidade, todo isto reflexado a través de diferentes medios como a fotografía, a instalación, a escultura ou a performance.

O horario de apertura ao público do Centro Torrente Ballester é de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, de martes a sábado, e os domingos, de 11.00 a 15.00. Os luns permanece pechado.

Cultura