As tres novas exposicións do Torrente Ballester

As tres novas exposicións do Torrente Ballester

26 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Fene

As exposicións detes primeiro trimestre de 2011 do Centro Torrente Ballester, inaugúranse este venres, 28 de xaneiro, e poderánse contemplar ata o vindeiro 24 de abril. A concelleira de Cultura, Mercedes Carbajales, presentou esta mañá os contidos xunto coa responsable de programación do CTB, Susana Cendán. Trátase de “Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia”, aberta ao público na zona anti

Os asistentes ao acto inaugural das novas exposicións recibirán como agasallo un dos 500 calendarios do ano 2011 editados polo Concello de Ferrol. Os almanaques inclúen unha escolma dalgunhas das obras que se expuxeron no CTB nas diferentes mostras organizadas pola Concellería de Cultura nos anos 2009 e 2010. 

Nestes tres primeiros meses do ano, as mostras presentadas son as seguintes: 

Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia (zona antiga e nova): Repite en certa medida o esquema doutras exposicións celebradas no CTB, como A Rebelióndos Xéneros, na que partiamos dunha imaxe clásica que se complementaba e dialogaba con pezas de artistas contemporáneos. En grande parte das representacións clásicas, sobre todo no século XIX, mostrábase unha imaxe amable da infancia, sempre en relación co ámbito familiar, como é o caso dos retratos dos fillos de pintores e burgueses. Esta representación amable contrasta cos graves conflitos sociais que provocaban que a maior parte dos nenos vivisen nunhas condicións dramáticas que case nunca aparecen reflectidas nas pinturas. 

A elección da infancia como fío condutor garda relación coa intención de comunicar ideas sobre a nosa cultura, tradicións e mesmo sobre aqueles tabús que aínda hoxe planean sobre o mundo dos nenos. A mirada que nos interesa subliñar afástase das canles tradicionais que mostran á infancia como un estado idílico e desinhibido construído polo imaxinario adulto. De aí que na selección proposta xogue un importantísimo papel a contraposición de épocas e de miradas, da arte considerada clásica coas súas imaxes amables e preciosistas, e a contemporánea, máis próxima a nós e sabedora que a infancia é o xeito máis eficaz de manter viva a nosa memoria. 

Mención a parte merece a sección adicada á fotografía post mortem, espello da sociedade de finais do século XIX e primeira metade do século XX. Unha tradición pouco coñecida e enmarcada nun contexto histórico e socio-económico de penuria e necesidade. Imaxes que revelan unha realidade oculta hoxe en día, pero que no seu momento foi unha necesidade vital para os familiares do pequeno anxeliño... 

“Falsas apariencias. Miradas fragmentadas sobre a infancia” está composta por obras de Rosalía Banet, Sergei Bratkov, Manuel Eligio Buch Sñaez, Jenaro Carrero, Xesús Corredoyra, Dionisio Fierros, Cristian Gradín Carbajal, Rita Lin, Teresa Hubbard& Alexander Birchler, Enrique Marty, Rebeca Menéndez, Román Navarro, Pablo Otero Huertas, Ramón Parada Justel, Laura Pernás, Ignacio Pinazo, Nicanor Piñole, María Roesset e Matías Sánchez.  

Bruno, de Ramiro Fernández Saus. A obra desta autor transcorre á marxe de modas e imposicións de mercados. Tendo en conta a velocidade á que circulan as tendencias e os gustos na sociedade da información global, onde a busca da novidade ou da simple ocorrencia parece constituír un fin en si mesmo, a pintura pausada e franca de Ramiro remítenos a un tempo onde aínda é posible gozar da grandeza das pequenas cousas. Unha aposta sen dúbida arriscada coa que logrou seducir a un público fiel ao longo de todo o mundo.  

O proxecto que se presenta na Sala de Proxectos do CTB consiste nunha colaboración conxunta entre Ramiro Fernández Saus e Susana Cendán, responsable de contidos do CTB, a cal redactou un texto inspirándose nunha serie de pinturas que o artista lle proporcionou previamente. O resultado é unha narración ficticia protagonizada por un can, Bruno, disposto a relatar as aventuras do seu amo, o barón Rodolphe Dumont, un espírito libre cuxa vida recolle o romanticismo e o sentido tráxico dos heroes da literatura victoriana.   

Elas, nos fondos do CTB. Nesta exposición, comisariada por Cristina Ramírez, a figura da muller atravesa diferentes representacións da man de pintores vinculados a Ferrol e Galicia.Dende o retrato costumista de Vicente Díaz e o rexionalismo, e a visión idealizada da muller galega de Sotomayor, ata un erótico nu de Segura Torrella. Os retratos institucionais inclúen o impoñente retrato da ferrolá Concepción Arenal, con quen nace o feminismo en España, ou a figura da raíña María Cristina, todo un mostrario da vestimenta que se impoñía a finais do século XIX, a dunha muller con silueta en forma de Se comprimida polo corsé. 

O deseño para un abano, de Máximo Ramos, recorda a importancia deste complemento na indumentaria feminina, usado tradicionalmente coma un medio de comunicación. Un delicioso apunte dunha muller realizando labores, de Bello Piñeiro, e unha serigrafía do último Luis Seoane, na que a muller adquire o simbolismo de representar a todo un país, completan esta selección realizada cos fondos de pintura do Concello. 

O obxectivo último é a creación dun diálogo entre un conxunto de artistas e de obras tan heteroxéneas como complementarias, posto que en todas elas a protagonista é a muller. Unha muller que se reinventa en función das épocas como musa, raíña, heroína ou nai baixo a atenta mirada dos artistas.  

Blue Children. (Vídeo do Mes). Cristian Gradín é o autor de Blue Children, un vídeo composto por citas cinematográficas, materiais apropiados e seleccionados cunha intencionalidade discursiva centrada tematicamente nun período tan decisivo como a infancia. A peza xurde dunha suma de impresións, de momentos escorregadizos que se contrapoñen a unha visión do infantil como sinónimo de felicidade e diversión.

Cultura