Tres voces singulares para o Nadal

Faia Díaz, Ugía Pedreira e Emilio Rúa
06 de Decembro, 2020 - 09:00 h. | Publicada por Radio Fene

A música galega busca sitio no Nadal. O Teatro Colón acollerá tres concertos con pouco público pero que se retransmitirán na canle de youtube da Deputación da Coruña.

A área de Cultura da Deputación da Coruña programa neste mes de decembro tres concertos online con tres das principais voces do panorama musical actual, Faia, Emilio Rúa e Ugia. Desde o Teatro Colón da Coruña retransmitiranse ao vivo a través da canle de youtube da Deputación. Serán os días 11, 17 e 18 ás 20:00. A voz de Faia co concerto de peche da súa xira "Ao Cabo Leirín! inaugurará o día 11 de decembro o ciclo #Tres-voces-en-liña que a área de Cultura da Deputación da Coruña ofrece online desde o Teatro Colón da Coruña. O  proxecto de Emilio Rúa  "Lendas do Camiño" o día 17  e a nova proposta escénica de Ugia o día 18 completarán o programa de tres voces singulares que se poderán gozar ao vivo a través da canle de youtube da Deputación da Coruña.

"Os concertos terán lugar nun espazo único como é o Teatro Colón mais, polas restricións da covid, serán moi poucas as persoas que poderán asistir en directo polo que decidimos que, tres espectáculos desta singularidade, merecían chegar a un público máis amplo cunha retransmisión online", explica o deputado de Cultura, Xurxo Couto. Desta maneira, os concertos poderanse ver na canle de youtube da Deputación da Coruña ao tempo que se están producindo no Teatro Colón, pero non en diferido xa que, o obxectivo é ampliar o aforo da programación no horario en que se desenvolve, da mesma maneira que se asistiría á sala. "Queremos apostar pola cultura, pola produción e o goce da cultura, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios e, por iso, esta posibilidade parécenos a máis acaída para seguir programando con calidade e para un público amplo, desconfinando a través da rede", sinala Xurxo Couto.

Tres-voces-en-liña será, polo tanto, unha oportunidade única de asistir ao concerto de peche da xira "Ao Cabo Leirín" de Faia e poder coñecer de primeira man e ao vivo o que será o próximo disco de Emilio Rúa, "Lendas no Camiño" e a nova proposta escénica de Ugia Pedreira "A Pedreira". "Son tres apostas de calidade que mostran o nivel da música galega de creación propia, a singularidade de tres voces poderosas e con personalidade de seu que queremos difundir e promover", apunta o deputado de Cultura que anuncia tamén que a programación da Deputación da Cultura no Teatro Colón rematará o ano o día 23 de decembro co concerto "De Natal aos Reis", coa tradición musical de Galiza e Portugal por medio de tres intérpretes das dúas beiras do Miño da man de Catarina Moura, Cesar Prata e Ariel Ninas.

Cultura

Publica o teu comentario agora