As tropas romanas regresan a Xinzo para cruzar o río Lethes

As tropas romanas regresan a Xinzo para cruzar o río Lethes

19 de Agosto, 2010 - 12:00 h. | Publicada por Radio Allariz

A Festa do Esquecemento de Xinzo da Limia cumpre esta fin de semana dez anos. As celebracións comezarán mañá venres pola noite coa concentración dos diferentes grupos no campamento, situado no Toural. Serán 21 castrexos e 10 romanos. En total, unhas 600 persoas convivirán neste espazo ata a última hora do domingo, aínda que est&aa

A Festa do Esquecemento ten a súa orixe histórica na chegada ata a marxe esquerda do río Limia das lexións romanas comandadas por Décimo Xuño Bruto no ano 135 aC. A beleza do lugar fíxolles xulgar que se atopaban diante do lendario río Lethes, o río do Esquecemento, que apagaba todos os recordos da memoria de quen o atravesase. Entón, empuñando o estandarte das aguias de Roma o comandante chamou desde a outra marxe a cada soldado polo seu nome. Así demostroulles que ese non era o río do esquecemento.

As celebracións comezarán o venres coa concentración dos grupos no campamento. A continuación, terá lugar o desfile que levará aos participantes ata a praza Maior, onde se acenderá o lume sacro e procederase, na medianoite, á lectura do pregón inaugural, que este ano correrá a cargo de Tamara Canosa, actriz protagonista de Pradolongo. O grupo de folk tradicional Treixadura encargarase de pór a nosta musical.

Xa o sábado pola mañá abrirase o mercado de artesanía e poranse en marcha diversas iniciativas como unha exposición didáctica sobre Roma, un taller de arqueoloxía e equitación para os nenos. Pola tarde, os xogos celtas e romanos serán os protagonistas, xunto ás vodas e nasciturus. Igualmente, homenaxearase aos que fixeron posible a festa ao longo destes dez anos e celebrarse unha cea-espectáculo e unha festa galaico-romana, que finalizará cunha gran queimada.

Finalmente, o domingo será cando as tropas romanas, comandadas por Décimo Xuño Bruto, fagan a súa aparición no río Lethes (río Limia) e producirase o tradicional cruzamento da canle e a gran batalla entre castrexos e romanos. Tamén haberá desfile, circo romano e a Festa do Esquecemento rematará cunha cea no campamento e co apagado do lume sagrado.

Cultura