Un ascensor para salvar a vía do tren en Perlío

Un ascensor para salvar a vía do tren en Perlío
07 de Xaneiro, 2021 - 09:55 h. | Publicada por Radio Fene

ADIF comprometeuse a ter un anteproxecto e un orzamento antes de maio, segundo o alcalde de Fene Juventino Trigo. A intervención podería incluír un paso elevado e un ascensor á altura da parada de taxis de Perlío para salvar o desnivel existente entre a avenida Marqués de Figueroa e a rúa Cruceiro de Perlío. É unha opción pola que se opta nalgúns lugares e haberá que ver se economicamente é viable, indica o primeiro rexedor.

ESCOITA O PODCAST:

O alcalde de Fene fala dos asuntos incluidos no pleno ordinario da Corporación de xaneiro e tamén das posibeis solucións para salvar a vía do tren en Perlío.

http://173.255.131.18/audio/070121TRIGO.mp3

O alcalde de Fene Juventino Trigo con directivos de ADIF en Perlío

O Concello de Fene quere unha actuación rápida para permitir unha maior permeabilidade na vía do tren que agora dificulta a comunicación ao partir en dous a parroquia de Perlío. A busca dunha solución para a mobilidade peonil neses dous puntos xa fora obxecto dun convenio subscrito entre o consistorio e ADIF no ano 2010 que, malia os anos transcorridos, non se chegou a materializar. Agora ambos organismos retomaron as negociacións coa mediación da Subdelegación do Goberno de cara a elaborar, como primeiro paso, un proxecto que defina as actuacións necesarias e, ademais, que cuantifique o seu custe. A proposta que o Concello considera máis axeitada é a construción dun novo paso elevado  que conecte Marqués de Figueroa coa rúa Cruceiro de Perlío, por tratarse da zona de tránsito que rexistra un maior movemento peonil a pesar de carecer de infraestruturas de seguridade. Por outra banda, ao carón do apeadoiro situado uns 300 metros máis abaixo, entre a avenida Antonia Montero e o xardín Luís Seoane, o Concello quere que se constrúa un túnel subterráneo -en substitución da actual pasarela- que faga máis doado franquear a liña férrea, tamén para persoas con mobilidade reducida. Sobre esta proposta inicial ADIF fará un anteproxecto que debuxe as mellores opcións en cada caso e tamén canto investimento requirirá levalas a cabo "no menor prazo posible", tal e como solicitou o alcalde, Juventino Trigo. Segundo o rexedor, "a solución non pode seguir agardando máis tempo, fai falla ofrecer total seguridade e mellorarlle as condicións de mobilidade ás persoas que cruzan a vía todos os días, moitas delas de idade avanzada". Na actualidade para ir desde a zona do cruceiro de Perlio coa avenida Marqués de Figueroa os peóns deben dar un rodeo de máis de dous quilómetros ou cruzar a vía férrea por un lugar sen control e sen visibilidade.

 

Institucional

Publica o teu comentario agora