Un camión da ONG Plan viaxa por Galicia para ganar apoios na loita contra a pobreza infantil

Un camión da ONG Plan viaxa por Galicia para ganar apoios na loita contra a pobreza infantil

08 de Abril, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

A ONG Plan inaugurou na Coruña a campaña Paremos la pobreza infantil. Esta iniciativa, que está a percorrer as distintas cidade do Estado, ten por obxectivo mellorar as condicións de vida dos nenos dos 50 países en vías de desenvolvemento nos que traballa a organización. Un camión informativo estará estacionado durante esta xornada na cidade herculina e viaxará en vindeiras datas a Santiago e Vigo.

Desde Plan entenden que a pobreza infantil é un problema estrutural no que a educación libre de violencia se converte nunha das ferramentas máis eficaces para erradicala. Nesa liña, a organización deu a coñecer o seu informe Aprender sin miedo, unha investigación que se considera pioneira a nivel mundial por analizar todos os tipos de violencia que se producen nas aulas: as agresións sexuais, que afectan a 150 millóns de nenas; o castigo corporal, práctica permitida incluso nos países máis desenvolvidos como Estados Unidos; e o bulling, acoso rexistrado nas escolas de todo o planeta.

Os interesados en coñecer estas problemáticas e os proxectos de Plan para solucionalas poden achegarse ata o camión-exposición da campaña Paremos la pobreza infantil, onde están preparadas diferentes actividades informativas e de lecer. Segundo explicou en Radiofusión o voceiro da ONG, Rodrigo Montero, o que máis ilusión lles fai aos cativos é sacarse unha foto virtual co embaixador do proxecto, o porteiro Iker Casillas.

O vehículo permanecerá estacionado ao longo desta xornada nos coruñeses xardíns de Méndez Núñez, mañá e pasado desprazarase ata a Alameda compostelá e a fin de semana viaxará ao Real Club Náutico de Vigo.

Sociedade