Un Carvalho activo no Ferrol dos anos trinta

Carvalho Calero da clases e aproba unha praza de funcionario
27 de Novembro, 2020 - 08:17 h. | Publicada por Radio Fene

Carvalho Calero retorna a Ferrol mesmo remata en Santiago a carreira de Dereito. Permanece na cidade de 1932 a 1936. Fai moitas cousas encamiñadas ao seu futuro profesional e leva unha vida política moi activa no PG.

ESCOITA O PODCAST:

Hai unha etapa feliz e frutífera na vida de Ricardo Carvalho Calero, a comprendida entre 1932 e 1936. Etapa de retorno ao seu Ferrol natal despois de cumprir o servizo militar e rematar a carreira de Dereito. Carvalho sigue estudando a carreira de Filosofía e Letras, da clases en colexios ferroláns e aproba as oposicións a funcionario no concello de Ferrol. Será tamén un tempo de intensa e comprometida actividade política nas filas do Partido Galeguista, participando moi activamente en numerosos actos culturais e mitins de corte político de toda a zona e por toda Galiza. Neste momento traba amizade con Aquilino Iglesia Alvariño que fai o servizo militar en Ferrol, unha amizade durará toda a vida. Con el comparte actividades do PG.

En outubro de 1933 Carvalho Calero casa con Ignacia Ramos a quen coñecera sendo os dous estudantes en Santiago de Compostela. Ela será, en palabras do seu biógrafo, Martinho Montero, “moi importante na vida do profesor porque era o seu complemento ideal e un gran apoio ata o final”. Neste ano 1935 Carvalho Calero pide a excedencia da praza de funcionario ferrolán para preparar as oposicións que veñen de convocarse para Ensino Medio. Con ese motivo viaxa a Madrid en xuño de 1936. Sae de Lugo onde se encontraba con Ignacia embarazada, a punto de dar a luz. Antes de partir con destino a Madrid aínda intervén en Radio Lugo nun mitin sobre o Estatuto de Autonomía. Con motivo desta viaxe Carvalho non estará en Galicia cando se celebra o referendo do Estatuto o 28 de xuño de 1936.

Cultura

Publica o teu comentario agora