Un cento de bonecas do mundo

Un cento de bonecas do mundo

21 de Xaneiro, 2011 - 12:00 h. | Publicada por Radio Ordes

As bonecas despertan a imaxinación e activan a memoria, traendo do pasado as lembranzas da infancia. O museo do traxe Juanjo Linares de Ordes amosa nunha exposición un cento de bonecas procedentes das máis diversas partes do mundo. A maioria delas ricamente ataviadas.

A exposición “A pequena colección de Juanjo: un cento de bonecas do mundo” que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 20 de febreiro no Museo do traxe Juanjo Linares. O alcalde de Ordes Manuel Regos presidiu a inauguración na tarde de onte,  acompañado polo director do Museo, Manuel Viqueira, así como por compañeiros de Corporación e demais asistentes, que foron os primeiros en disfrutar desta mostra.  

Trátase dunha mostra dun cento de bonecas ataviadas con traxes característicos de diferentes partes de todo o mundo, colección do coreógrafo e bailarín ordense, Juanjo Linares. Traxes típicos de Noruega, a India, Ucrania, Israel, Brasil e infinidade de países máis de todo o mundo, son os que lucen estas bonecas, nunha mostra que xa foi solicitada por outros museos.

A exposición conta ademais cunha boneca moi especial, que preside a sala, e que tal e como explicou o director do Museo ordense, é doazón do Museo de Mariemma de Iscar en Valladolid. Unha boneca ataviada co traxe de bailar a Jota de Iscar e confeccionado pola agulla de ouro Tomasa Benito Martín “Tomy”, e que se suma así ao cento de bonecas da colección de Linares.

O alcalde de Ordes, Manuel Regos, mostrou unha vez máis a súa satisfacción porque o Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes siga a ser un referente, mostrando novamente “o seu dinamismo e actividade coa celebración desta exposición que volve a poñer de manifesto o gran traballo de Juanjo Linares e o legado que deixou ao noso municipio cunha gran colección de traxes e accesorios, crucifixos e tamén de bonecas”.

A mostra, que ten entrada gratuita, poderá visitarse ata o 20 de febreiro no horario habitual de apertura do Museo, de martes a sábado de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas, e os domingos e festivos de 10 a 14 horas (luns pechado).

Ademais, o alcalde de Ordes, Manuel Regos, animou a todos aqueles que todavía non coñezan o museo a que o visiten, onde poderán atopar unha colección de preto de 300 traxes expostos en dúas salas, dos máis de 1.000 que donou Juanjo Linares para este museo, con todos os seus accesorios, así como outra colección de crucifixos e agora esta colección de bonecas, que convirten ao Museo do Traxe Juanjo Linares de Ordes en todo un referente a nivel nacional.

Cultura