Un centro de saúde novo e grande

A Xunta de Galicia adxudicou as obras do novo centro de saúde de Narón que debe estar feito no verán de 2020
08 de Novembro, 2018 - 01:59 h. | Publicada por Radio Fene

O novo edificio sanitario albergará tamén o Punto de Atención Continuada e disporá, entre outros servizos, de 14 consultas de medicina xeral e 4 consultas de pediatría.

 

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Infraestructuras, adxudicou o proxecto de construción do novo centro de saúde de Narón. O orzamento previsto é de 5.032.714 euros e o prazo máximo de execución é de 19 meses. A empresa adxudicataria é Xestión Ambiental de Contratas S.L. O novo centro de saúde de Narón situarase nunha parcela de 6.142 m2, cedida polo Concello ao Sergas, e terá unha superficie construída de preto de 4.300 m2, o que supón un incremento de preto de 1.800 metros cadrados respecto do centro actual, infraestrutura que será cedida ao Concello para usos sociais.

O edificio, que tamén albergará o Punto de Atención Continuada (PAC), constará de dúas plantas e un semisoto nos que se distribuirán os diferentes espazos. Atenderá a unha poboación de 35.000 tarxetas sanitarias no centro de saúde e preto de 45.000 no PAC. As instalacións disporán dunha área médica de 14 consultas de medicina xeral, 12 de enfermería, 2 de farmacia, un despacho para o traballador social, unha sala de toma de mostras, 2 salas de técnicas, 4 salas polivalentes e 4 de consultas de docencia.

Na área pediátrica, haberá 4 consultas de pediatría e 3 para enfermería pediátrica. Na área da muller o proxecto contempla unha consulta para matrona, unha sala de educación sanitaria e unha consulta para o programa da muller. Na zona dedicada a urxencias, disporá dunha consulta de odontoloxía, unha para hixienista, una para fisioterapia, un ximnasio e unha sala de reunións. Na área de persoal haberá despachos para coordinación administrativa, sala de estar, arquivo e sala de xuntas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora