Un ceo de colexio

O Ceip Centieiras de Perlío ten de todo, por ter ata da o almorzo ás 7,30 da mañá.
04 de Febreiro, 2020 - 11:21 h. | Publicada por Radio Fene

O Colexio Centieiras de Perlío abre as portas o xoves para que os futuros pais e nais do centro coñezan as súas propostas educativas e pedagóxicas: igualdade, diversidade, inglés, pizarras dixitais, almorzos madrugadores, comedor, programa en Radio Fene e obradoiro co deseñador e ilustrador Leandro Lamas, son algúns dos valores deste centro ubicado na Avenida de Tarrío de Fene.

ESCOITA O PODCAST:

O Ceip Centieiras de Perlío, convida a unha xornada de portas abertas o próximo xoves 6 de febreiro, ás 9:30 da mañá. Coa visita ao centro, pais e nais dun potencial alumnado, poderán coñecer as instalacións pero tamén a filosofía educativa dun colexio que intenta mellorar cada curso que pasa. En Centieiras teñen a fachenda de educar en igualdade ou de atender a diversidade, e son un centro plurilíngue, con auxiliar de conversa en inglés, Elisabeth. Segundo nos conta a nova directora do centro, Iria González (na imaxe), todo o profesorado quixo poñerse ao dia en novas tecnoloxías e a robótica será o próximo curso unha asignatura aprobada no centro de Perlío.

Centieiras dispón de servizo de transporte e adoptou unha medida de conciliación co espazo “madrugadores” para alumnado que necesita entrar antes no colexio. Funciona de 7,45 a 9h da mañá. Dispón de comedor escolar, de 14 a 16 horas, e oferta actividades extraescolares, de 16 a 18 horas, González só ten boas palabras para a ANPA do centro que xestiona o comedor "de maravilla". As instalacións do Colexio Centieiras dispoñen de aulas con pizarras dixitais interactivas e contan cunha biblioteca escolar que ven de ser admitida no Plan B.

No exterior está o parque infantil para a rapazada dos primeiros anos e unha pista polideportiva cuberta desde o actual curso escolar. A ratio escolar é un luxo en Centieiras, onde hai aulas de 14 ou 15 alumnos e en infantil a media é de 11. Os pais e nais do alumnado teñen canles de participación no centro con iniciativas como “Un mar de palabras” ou “Mates en familia”.

Para ver todo isto e escoitar as explicacións ou prantexar cuestións, para iso se fai esta xornada de portas abertas no centro de Perlío, o xoves desta semana, dia 6 de febreiro de 9,30 a 11,00 horas.

Sociedade

Publica o teu comentario agora