Un chute de salitre

O poeta e mariñeiro Xosé Iglesias é o autor de A relixión do mar
10 de Setembro, 2020 - 12:07 h. | Publicada por Radio Fene

Conexión total entre Xosé Iglesias Lamela, emocionado pola escolla do seu libro, e os participantes no club de lectura que escoitaron emocionados tamén a este mariñeiro-poeta nado en Cee en 1974 que pon en valor a profesión do mar na súa obra literaria.

ESCOITA O PODCAST:

A expresión “un xute de salitre” pronunciada por Xosé Iglesias non é do libro “A relixión do mar” que hoxe comentamos no club de lectura de Radio Fene Radiofusión. Pertence a un libro anterior publicado hai cinco anos polo autor;“Transfusión oceánica”. Sempre o mar como obxecto dese vínculo inseparable que son vida e literatura. Cando os colegas mariñeiros asisten á presentación do libro de Xosé, séntense tan reflexados nos poemas que, se tiveran a posibilidade de escribir, escribirían o mesmo libro. Estamos diante dun libro autobiográfico que reflicte tamén a querenza do autor por Manuel Antonio, o seu poeta de referencia. “Eu crecín no mar, nunha familia mariñeira".

"Crieime na chalana do meu avó pescando luras” di emocionado un Xosé Iglesias que xa de pequeno escribía poesía, aínda que non foi ata os últimos dez anos que sentiu a “ necesidade desta loita”. “A relixión do mar” divídese en varios apartados con vontade didáctica. A palabra “relixión” guía todo o poemario. O primeiro apartado fala dos rituais dos mariñeiros, o segundo dos oficios, un terceiro “Construír un deus” indaga poéticamente na milagre de construír un barco. “Meridiano da noite” ven ser a historia das navegacións e, por último, “Estrela polar” fala do mar antigo... da torre de Hércules, e ven ser unha adicatoria ás xentes do mar que xa non están. O libro mereceu o premio Victoriano Taibo. Agora estamos diante dunha nova edición ampliada na editorial Caldeirón.

Xosé Iglesias Lamela (o poeta do Gran Sol). Mariñeiro e poeta. Autor do poemario “A relixión do mar” foi o convidado esta semana no Club de lectura de Radio Fene Radiofusión. Participaron xunto co autor, Esther Val, Ana Varela, Andrés C.M. Riveira e Henrique Sanfiz.

Cultura

Publica o teu comentario agora