Un dos manxares máis gorentosos do noso mundo

Un dos manxares máis gorentosos do noso mundo
20 de Xuño, 2019 - 10:19 h. | Publicada por Radio Fene

Bastante sardiña pasou polas lonxas galegas nestes dias previos á xornada do San Xoan. Na Coruña descargáronse máis de 37.000 quilos, 35.000 na de Sada e 3.000 na de Ribeira. “Hai moita e boa sardiña e empeza a ter a graxa característica”, segundo Juan Alberto Pazo da Peixería A Greta de Fene. No establecemento véndese nesta xornada o quilo  a 3,90 euros.

Juan Alberto Pazo, da Peixería A Greta

A sardiña é un dos manxares máis gorentosos do noso mundo. Peixe azul, de cor verde parda e azulada, con escamas prateadas e escintilantes no bandullo. Achégase en bandadas ás costas galegas dende que na primavera a corrente cálida do Golfo de México tempera o mar. Veñen na procura de augas menos fondas e mellores pastos; daquela é cando gaña graxa: “Polo San Xoan, a sardiña pinga o pan”.

 

A sardiña achega proteinas e foi na Galicia interior a única maneira de loitar contra o bocio. O seu segredo está no xeito de asala: enteira coas tripas dentro, con sal gordo por fóra, póñense na grella lonxe das brasas para que se fagan amodiño de seis a nove minutos; a pel e as escamas forman unha coiraza na que se coce o peixe. Moita xente prefire comelas coas mans sobre unha rebanda de pan ou unha pataca. Fausto Galdo en Abecedario das Mantenzas, defende comelas no prato con garfo, xunto con cachelos e pementos de Padrón.

Marcial Valladares recolleu esta fermosa cantiga popular:

O santo André de Teixido

Ten a sardiña no cinto

Que lla deu un mariñeiro

Que andaba no mar perdido.

Sociedade

Publica o teu comentario agora