Un espectáculo que mestura clown e flamenco inaugura esta tarde en Compostela o ciclo “Circo en escena”

Un espectáculo que mestura clown e flamenco inaugura esta tarde en Compostela o ciclo “Circo en escena”

05 de Febreiro, 2009 - 12:00 h. | Publicada por

O Centro Dramático Galego (CDG) organiza neste mes de febreiro a primeira edición do ciclo “Circo en Escena”, unha iniciativa pioneira que vai ofrecer aos afeccionados ao xénero a oportunidade de gozar dun total de catro compañías procedentes de Andalucía, Portugal, Francia e Galicia que fusionan o novo circo con diferentes disciplinas artísticas como o fl

O venres repite a compañía andaluza no Salón Teatro con esta suxestiva mestura de circo e flamenco dirixida por Jorge Barroso Bifu. Malabaristas que rouban os lunares dun traxe de flamenca para xogar con eles e botalos ao compás mentres se desenvolve un espectáculo de canto e de baile, unha bailadora coa súa bata de cola suspendida no aire compartindo escenario cun acróbata ou pallasos por peteneras, que segundo a lenda traen mala sorte, son algúns dos números deste espectáculo onde se dan a man o circo contemporáneo, a música en directo e o flamenco.

A continuación, na fin de semana, 7 e 8 de febreiro, chega ao Salón Teatro Joâo Paulo P. dos Santos, un mestra do mastro chinés que vai desenvolver o seu espectáculo titulado Contigo. Estreado en 2006 no Festival de Aviñón, no ámbito do programa Le Sujet à Vif, Contigo é un espectáculo nacido do encontro entre dous artistas portugueses: o coreógrafo Rui Horta e o acróbata do mastro chinés João P. Pereira dos Santos. A danza contemporánea e o novo circo fúndense nunha linguaxe común onde as fronteiras entre estas dúas disciplinas artísticas parece non existir. O escenario está apenas ocupado por algúns obxectos, un mastro chinés, un tótem que marca fatalmente ese espazo e lanza un desafío vertical. Un corpo responde a ese mesmo desafío, á vertixe, ao risco e á posibilidade de caer.

A terceira proposta do ciclo protagonízana dúas actrices de clown galegas, Marian Bañobre e Isabel Risco, que baixo a dirección de John Wright van desenvolver unha particular versión de As vingadoras, unha serie da televisión inglesa dos anos 60, e que supón o primeiro espectáculo da recentemente constituída compañía Maquinaria Pesada. Será o 14 e 15 de febreiro.

Para rematar, os días 19 e 20 de febreiro, visita Galicia Ieto, agrupación formada por Jonathan Guichard e Fnico Feldamn, funámbulo e acróbata, que ofrecen unha proposta de danza acrobática contemporánea, chea de ideas e creatividade, que investiga a expresividade corporal, mais tamén o espazo e os elementos escénicos.

A maioría das representacións para público xeral serán ás oito e media da tarde; agás os domingos que terán lugar ás seis da tarde. As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para os venres e os sábados (cun desconto do 40% para estudantes, usuarios de carné xove e maiores de 65 anos), e de 5 € para o domingo, día do espectador.

Cultura