Un exemplo de resistencia

Un exemplo de resistencia
27 de Marzo, 2020 - 10:27 h. | Publicada por Radio Fene

A presidenta da asociación Patio de Butacas, Marta Barros, atende á máxima de que durante a corentena hai que facer algo e manter o ánimo. A asociación que preside é o mellor exemplo porque non paran de idear e de traballar.

ESCOITA O PODCAST:

Lonxe de amilanarse, a asociación Patio de Butacas inxéctanos unha dose de enerxía para transitar pola alarma sanitaria da maneira máis creativa. Bota man de todas as ferramentas tecnolóxicas para seguir activa. Saudamos esta mañá á súa presidenta, Marta Barros, unha persoa que cré firmemente en que a cultura pode salvarnos, que é a que pervive despois de nós. “O que sabemos dos nosos antepasados é grazas aos vestixios culturais que nos deixaron” afirma Barros.

En todo caso, coa que está caendo, a asociación Patio de Butacas puxo en marcha o Día Internacional da Poesía unha xornada na que cada meia hora subían un poema escrito ou visual co que pensan facer un libro dixital. A alarma pillounos en plena preparación da súa presencia en AGRA unha feira que se celebra en Camelle o 25 de abril, unha data que agora está no ar. Pero continúan traballando ata que a pintura se acabe, cadeiras maravillosas, cadros, etc que pensan vender para recadar fondos cun único fín, salvar o cine Adriano de Barallobre. (Na imaxe, cadeira pintada por Marta Barros)

Neste momento Patio de Butacas ultima a creación dunha páxina web e dun club de lectura que neste momento de crise será on line. As persoas que desexen tomar parte nel poden enviar un correo a patiobutacas@gmail.com. Cando pase todo isto o club será presencial, informa Marta Barros. Será un grupo pechado cun moderador que conducirá os debates arredor dun libro que terá unha característica; ter unha versión cinematográfica.

Esta crise do coronavirus pillóu a Patio de Butacas cun proxecto encamiñado, a rehabilitación da cuberta do edificio do cine Adriano. A subvención está pedida á Deputación e agardan que se poida facer no verán. Un estudo de arquitectura continua a elaborar o proxecto. Unha cuberta nova é a salvación deste cine polo que loitan, incansables, en Patio de Butacas.

Cultura

Publica o teu comentario agora