Un festival en galego

Animacións, literatura e música no Festigal 2019
24 de Xullo, 2019 - 10:03 h. | Publicada por Radio Fene

O Festigal 2019 traerá música e actividades para todos os públicos

O 24 e 25 de xullo celébrase no Campus Sur de Santiago de Compostela o Festigal 2019. O Festigal é un evento gratuito ó aire libre que ofrece animacións, literatura e música. Este ano presenta unha amplia programación literaria. O público poderá dialogar con autores como Carlos Lixó, Antía Yañez, Daniel Asorey ou Susana Sánchez Arins.

Pero o plato forte do festival sen dúbida é a música. Na noite do 24 comezan os concertos ás 22:30h con De Ninghures. Seguiralles Barassica Rapa, o grupo italiano Banda Bassotti e os rockeros lugueses Arrhythmia. Para o día 25, a partir das 17:00h hai café concerto. Abrirán a xornada as Pandereteiras de Verducido, o funk galego de DudeCan e rematarán o Día da Patria a música de Güintervan.

O 25 de xullo haberá moitas actividades para os máis pequenos. Comezarán ás 16:30h co obradoiro de xoguetes tradicionais dos artesáns Pepe e Manolo. Continuará ás 17:00h o pintacaras infantil de Elba Casal. Volverán os xogos tradicionais de 17:30h a 19:00h, Eira Xandobeleira trae unha ludoteca aberta para xogar en familia. E ás 19:00h Pablo Díaz e a Banda Escola de Música de Visantoña traen o Festigal “TIC TAC, 10 anos soando o reloxo”, o primeiro espectáculo de música infantil en galego musicado con banda de música.

Todo isto rodeado de librerías, tendas de produtos artesanais e charlas e coloquios sobre o galego e a cultura nacional.

Cultura

Publica o teu comentario agora